EDUCACIÓN

A Escola Municipal de Música dedica o seu ciclo de concertos didácticos aos instrumentos tradicionais

29/04/2013 A concelleira de Educación, María Castelao, presentou a programación do terceiro trimestre da Escola Municipal de Música. No calendario inclúense concertos didácticos, a clausura das clases maxistrais, unha xornada de portas abertas ou o festival de fin de curso.

Por terceiro ano, a Escola Municipal de Música promove o achegamento dos máis pequenos á música a través dun ciclo de concertos didácticos, dirixido a alumnos de primaria. Leva por título Batalla de Naipes e será realizado polo cuarteto de música tradicional do seminario de formación da Escola, formado por gaita, acordeón, arpa, zanfona e un narrador. A sesión consiste na narración dun conto musical, a través da cal se van dando a coñecer diferentes instrumentos.

Os concertos realizaranse os días 23 e 24 de maio e 6, 7 e 13 de xuño na Escola Municipal de Música, con sesións ás 10:30 e 12:00 horas. Os centros escolares deben facer as súas solicitudes no Departamento de Educación ou na propia Escola.

Clausura das clases maxistrais
Por outra parte, o sábado 11 de maio clausuraranse as clases maxistrais de violín impartidas por Massimo Spadano, concertino da Orquestra Sinfónica de Galicia, cun concerto no Auditorio de Galicia ás 19:00 horas. Estará o alumnado participante co seu profesor, acompañados pola Orquestra de Corda da EMM.

Ao día seguinte, domingo 12 de maio, nun escenario aínda por determinar, concerto para por fin ás clases maxistrais de música de cámara impartidas por Anne Schlossmacher, viola da Real Filharmonía de Galicia.

Encontro en Rianxo
A Escola celebra tamén un novo encontro das súas agrupacións instrumentais e corais na vila de Rianxo. Máis dun cento de alumnos vivirán unhas xornadas intensivas de estudo e convivencia os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño. Nesta última xornada, ás 13:00 horas, as agrupacións ofrecerán un concerto público na praza Rafael Dieste.

Xornada de portas abertas
Outra convocatoria que se repite cada ano é a xornada de portas abertas, que nesta ocasión se celebrará o sábado 8 de xuño, ás 12:00 horas. É unha invitación aberta, previa reserva, para que as familias e os nenos coñezan a Escola Municipal de Música: as instalacións, a oferta musical, o programa pedagóxico e o profesorado.

Festival
Finalmente, como acontece cada mes de xuño, a Escola pechará o curso cun festival, que nesta ocasión estará dedicado aos musicais de Disney. As agrupacións da EMM (banda, orquestra de corda, coros e compoñentes da Escola Infantil de Música), compostas por 350 alumnos, realizarán un musical baseado nos temas dos filmes de Disney. Será o venres 14 de xuño, ás 19:00 horas, no Auditorio de Galicia. A entrada é libre ata completar aforo.

Matrícula e prazas vacantes
A concelleira aproveitou a rolda de prensa para dar conta da apertura, o 2 de maio, do período de preinscrición para o novo alumnado, que se prolongará ata o 16 de maio. Toda a información está dispoñible na web municipal e na da Escola.

A EMM conta con 365 alumnos matriculados, pero aínda hai prazas dispoñibles en distintos instrumentos, tales como acordeón, baixo eléctrico, bombardiño, cello, clarinete, contrabaixo, gaita, guitarra eléctrica, percusión, saxofón, trombón, trompa, trompeta, viola e violín. Tamén quedan prazas nos distintos niveis da Escola Infantil de Música.

Compartir: