SEMANA SANTA

Continúan os actos da Semana Santa

27/03/2013 A Semana Santa continúa en Compostela coas diferentes procesións e actos litúrxicos, ademais doutras actividades paralelas coma o Festival de Músicas Contemplativas ou a oferta gastronómica Santiago Pasión.

Na noite do mércores celebrouse a procesión dos Estudantes, con saída e chegada ao Colexio das Orfas. O alcalde, Ángel Currás, e parte da Corporación, participaron neste acto. Está previsto que o rexedor compostelán se una tamén este Xoves Santo á Procesión da Última Cea do Salvador, con saída da igrexa de San Francisco ás 19:00 horas. O Venres Santo participará, a partir das 20:00 horas, na Procesión do Santo Enterro, con saída de San Domingos de Bonaval (en caso de choiva realizarase un Via Crucis).

Ás procesións e actos litúrxicos que se celebrarán na cidade, súmanse nesta Semana Santa outras actividades, como a primeira edición de Santiago Pasión, organizado pola Asociación Hostalería Compostela coa colaboración de Turismo de Santiago. Participan restaurantes da cidade que ofertan menús temáticos a un prezo de 18 euros.

Tamén continúa a VII edición do Festival de Músicas Contemplativas en diferentes igrexas e no Auditorio de Galicia.

Compartir: