ALCALDÍA

Concello e USC abordan as necesidades máis urxentes do Campus e preparan un novo convenio de colaboración

26/03/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o reitor da USC, Juan Casares Long, mantiveron unha reunión de seguimento do convenio de colaboración entre Concello e Universidade para o período 2005-2015. Abordaron as necesidades máis urxentes no Campus e as fórmulas para afrontalas, así como unha actualización das necesidades co fin de preparar un novo convenio que substitúa ao actual a partir 2015.

Ángel Currás recoñeceu que o convenio actual "xa perdeu a súa vixencia", xa que "a maior parte das actuacións tiñan que executarse antes de 2011". Apuntou que ata a chegada do actual Goberno municipal non se cumpriran os compromisos en mantemento de vieiros, beirarrúas e zonas verdes. Neste sentido, salientou que non se investira nada no mantemento de zonas verdes, materia á que "o Concello destinou 300.000 euros en 2012, que era a cantidade prevista anualmente para este fin".

Na reunión marcáronse as actuacións máis urxentes que precisa o Campus en materia de reposición de lousas, reparación de pavimento, alumeado ou saneamento. O alcalde indicou que a Brigada de Vías e Obras acometerá as actuacións máis prioritarias nuns "doce puntos negros" dentro das partidas orzamentarias destinadas ao mantemento.

Cara o novo convenio, segundo apuntou o alcalde, na reunión estableceuse o marco e as liñas xerais de colaboración, con fin "reformulalo" e de "ver que competencias pode asumir cada institución" nun "escenario complexo". Agora serán os técnicos municipais e os da USC os que analicen e actualicen as necesidades do Campus co obxectivo de perfilar os termos nos que se poida redactar o novo convenio. Puxo como exemplo destes aspectos a concretar as deficiencias dunha rede de saneamento antiga e que está a causar importantes problemas, ou o alumeado.

Non estará neste convenio, pero tal vez si poida estar noutro –apuntou Juan Casares- a construción da futura Facultade de Medicina. O reitor indicou que "primeiro é preciso resolver a cuestión do vello hospital de Galeras", cuestión sobre a que agarda que en verán se poida ter unha plantexamento que presentar ao Concello. Neste tema, o alcalde ofreceu a colaboración para estudar o cambio de usos desa parcela, enmarcada na reurbanización e revitalización desa zona de Galeras, nunha parte da cal se está construíndo nestes intres. A recuperación desta parte da cidade completarase co futuro centro de saúde do Casco Histórico e, en fronte, coa recuperación do parque público da Finca do Espiño.

Compartir: