EDUCACIÓN

Un programa de animación á lectura recupera a memoria histórica

30/05/2006 Logo da colaboración establecida coa Galería Sargadelos na realización da VI Campaña Municipal de Animación á Lectura, desenvolvida ao longo dos últimos meses de abril e maio, está prevista a súa continuidade para estudantes de educación secundaria e bacharelato, cun conxunto de propostas de dinamización cultural na que se integra un programa sobre a recuperación da memoria histórica e de animación á lectura. A inauguración deste novo programa foi presentada pola concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, acompañada do director da Galería Sargadelos en Santiago, Xosé Luis Vázquez, e do presidente da Fundación Castelao, Avelino Pousa.

A realización de visitas guiadas a centros de interese da cidade constitúen o eixe central do Programa Vivir Santiago, organizado polo Departamento de Educación e Mocidade, e que conta coa colaboración de diferentes institucións e servizos da cidade, nesta ocasión coa Galería Sargadelos. O obxectivo deste programa é dar a coñecer a Galería Sargadelos como un colector cultural de gran importancia para a cidade e o obxectivo deste programa é aproximar aos escolares compostelás, o seu patrimonio, a súa historia e a súa produción editorial, artística e cultural.

Esta proposta educativa está dirixida aos centros de ensino de secundaria que, previa solicitude, poderán participar cun grupo de escolares nas diferentes actividades que integran esta iniciativa: visita didáctica polas instalacións da Galería Sargadelos, pola exposición bibliográfica sobre o Libro Galego. Ánxel Casal e os fondos bibliográficos e o exilio, proxeccións sobre algunhas fotografías moi significativas da vida compostelá que compendian toda a actividade cultural desenvolvida na Galería Sargadelos dende a súa apertura, así como un encontro con persoeiros da vida cultural compostelá, entre outras propostas.

Compartir: