TURISMO

A Televisión de Galicia promocionará e difundirá o "Curtocircuito"

30/05/2006 O Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela "Curtocircuíto" terá unha importante difusión e promoción nas pantallas da televisión autonómica. Isto será posible grazas ao acordo de colaboración asinado esta mañá entre o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director xeral da Compañía de Radio-Televisión de Galicia, Benigno Sánchez.

O convenio concrétase en dúas accións fundamentais. Por un lado, o ente público galego difundirá e promocionará o Festival a través de Onda Curta, o programa que a Televisión de Galicia dedica en exclusiva a esta modalidade cinematográfica. Por outra, comprométese á compra de dereitos de emisión daquelas curtametraxes que resulten gañadoras das distintas seccións oficiais, tales como Compostela Curtocircuíto ou Compostela Plató, por un importe de cen euros minuto.

Benigno Sánchez destacou a súa "satisfacción por asinar este convenio cun Concello que se distingue pola labor de difusión da cultura". Neste sentido, lembrou a colaboración que xa existe noutro ámbito artístico, como é a difusión dun espazo semanal sobre a Real Filharmonía de Galicia.

Pola súa parte, Sánchez Bugallo lembrou o compromiso do Concello co audiovisual, materializado no festival Cineuropa e, dende hai tres anos, no "Curtocircuíto". "Estamos moi satisfeitos do éxito desta iniciativa e agardamos que a colaboración coa CRTVG e a difusión que esta supón sirva para dar un novo impulso, e así en vindeiras edicións participen aínda máis directores, produtores e guionistas", apuntou.

"Curtocircuíto’06" celebrarase na capital galega do 17 ao 21 de outubro. As actividades do certame prolongaranse todo o verán coas proxeccións nas rúas do casco antigo de Compostela (Curtocircuíto na Rúa) e o I Mercado Internacional de Curtametraxes, que se celebrará na cidade, parello ao festival, así como varios obradoiros, destinados ao público interesado na formación audiovisual.

O Festival Internacional de Curtametraxes de Santiago de Compostela está a situar á cidade no panorama nacional e europeo dos festivais de curtas e tense convertido nunha plataforma de promoción para novos talentos do sector audiovisual.

Compartir: