TRANSPORTES

O Concello solicita a integración de dúas concesións de transporte na rede urbana

29/05/2006 O Concello de Santiago solicitará á Dirección Xeral de Transportes a declaración de caducidade de dúas concesións de transporte interurbano e a súa integración na rede de transporte urbano. Esta medida afectará ás liñas 1 (Polígono do Tambre-Hospital Clínico) e 6 (San Lázaro-Os Tilos). A finalidade desta medida é garantir a prestación do servizo baixo a tutela municipal e sen a necesidade do amparo dun título concesional autonómico.

A totalidade do itinerario destas concesións da empresa Trapsa transcorre dentro do termo municipal de Santiago de Compostela. Unha declaración de caducidade destas concesións permitiría ampliar as competencias do municipio en materia de transporte urbano. Deste xeito, o Concello disporía de plena competencia en materia de inspección, control e sanción, así como programación e tarifas.

Esta medida suporía dar cobertura xurídica a unha situación que na práctica xa se produce, como é a devandita integración das concesións interubanas no transporte urbano de Santiago de Compostela.

Compartir: