PLENO

Paula Prado formalizou a renuncia como edil

31/01/2013 Na sesión ordinaria de xaneiro do Pleno, a concelleira popular Paula Prado formalizou a súa renuncia como edil. Nunha vindeira sesión tomará posesión como novo concelleiro o número 15 pola lista do Partido Popular nas eleccións locais de 2011, Luis Meijide.

Paula Prado fixo memoria na súa última intervención dos seus anos de actividade política en Raxoi, primeiro na oposición e logo no Goberno municipal. Utilizando como fío condutor o título dunha antoloxía de Caballero Bonald, "Somos el tiempo que nos queda...", a ata agora edil tivo palabras de agradecemento, primeiro, para "as usuarias e usuarios dos servizos sociais municipais, aos que procurei atender durante estes 18 meses", e tamén para os voluntarios das asociacións e para os traballadores dos servizos sociais.

"Ocupada en atender aos mozos tentados polo alcohol, ocupada en atender ás persoas sen fogar, á nai separada con dous fillos e ameazada por un deshaucio, ás viúvas que viven con 500 euros ao mes, á moza brutalmente golpeada pola súa parella..., ocupada en tales dramas recibín leccións de vida e dignidade" dixo.

Paula Prado falou dos seus compañeiros do grupo popular desta e da anterior Corporación, favorecedores "cada un á súa maneira" para que "sexa vista como unha persoa responsable e como unha persoa á que se poden confiar delicadas funcións".

Na súa memoria non faltaron os concelleiros e concelleiras socialistas e nacionalistas, por terlle axudado a forxar o seu carácter. Mesmo recoñeceu e sentiu que "nalgún momento, sobre todo da anterior lexislatura, tivera sido dura".

E tras agradecer tamén o seu traballo aos xornalistas, confesou "unha certa melancolía" ao deixar as súas responsabilidades no Concello, aínda que "menor que a honra e o estímulo de ter sido recoñecida como a persoa axeitada para unha responsabilidade nova e tan delicada".

Tamén interveu o alcalde, Ángel Currás, para agradecerlle a Paula Prado o seu labor á fronte da Concellería de Familia, Benestar Social, Muller e Emprego, na que, dixo, realizou un "traballo serio e responsable". En particular, valorou "o seu compromiso e firmeza" en cuestións como o consumo de alcohol por menores.

Este traballo tamén foi referendado pola voceira popular, María Castelao, quen se amosou "compracida de que unha compostelá sexa chamada a máis altas responsabilidades". Sobre o seu traballo en Raxoi, salientou que, en 18 meses, "foi capaz de cumprir máis do 70% do programa de goberno" nas súas áreas.

Finalmente, o voceiro socialista, Francisco Reyes, desexoulle a Paula Prado o mellor no seus novos cometidos, recordando tamén o seu labor no Concello e, en especial, unhas "intervencións que non deixaron a ninguén indiferente".

Compartir: