XUNTA DE GOBERNO

O Concello contratará un servizo para realizar as medicións de ruídos

31/01/2013 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria, aprobou o expediente para contratar o servizo de medición de ruídos derivados de actividades de carácter comercial, industrial ou de calquera outra fonte de ruído no termo municipal de Santiago. Ademais, abriu o proceso de contratación do servizo de conserxería e limpeza de varias instalacións municipais e prorrogou o contrato de mantemento da sinalización horizontal e vertical.

Segundo explicou a voceira adxunta da Xunta de Goberno, María Castelao, a contratación do servizo de medición permitirá realizar estas dun xeito global, fronte ás medicións individuais que se viñan realizando ata agora, resultando máis caras. Así, o tipo de licitación para este contrato é de 8.264 euros.

A propósito deste tema, a concelleira de Urbanismo, María Pardo, apuntou posteriormente que, para que estes controis sexan realmente efectivos, se realizarán por sorpresa e nos momentos en que efectivamente se produce a molestia. Neste sentido, denunciou que en anteriores etapas non se fixera así.

Tráfico
Outro dos acordos do Goberno municipal foi a prórroga ata o 31 de xaneiro de 2014 do contrato do servizo de mantemento, conservación e nova instalación de sinalización horizontal e vertical no termo municipal. O importe do contrato é de 265.337 euros.

Seguindo co Departamento de Tráfico e Mobilidade, autorizouse un contrato menor para a xestión de expedientes sancionadores contra a normativa de tráfico viario urbano do Concello, en tanto non se resolva definitivamente o procedemento para contratar unha nova adxudicataria deste servizo. O seu importe: 17.999 euros.

Deportes
En materia de Deportes, abriuse o procedemento para contratar por dous anos un novo servizo de conserxería e limpeza de cinco campos de fútbol e oito pavillóns municipais, por importe de 454.900 euros máis IVE. Destacou María Castelao o esforzo económico que para o Concello supón manter a gratuidade de uso destas instalacións, que dan servizo a máis de 200.000 persoas e que empregan semanalmente 80 clubs. Como exemplo, indicou que os carburantes e o mantemento teñen un custe anual de 130.000 euros.

Benestar Social
A Xunta de Goberno tamén aprobou o desglose da partida de 162.000 euros que se destinará ás MAPIS (Manutención, Aloxamento, Promoción e Inserción Social)

No ámbito desta mesma Concellería, aprobouse a solicitude á Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Educación a desafectación do inmoble do antigo grupo escolar de Abudiño, situado na parroquia de San Xoán de Fecha. O obxectivo é que este lugar, que xa non ten utilización educativa, sirva para a realización de diferentes actividades de formación e inserción laboral.

Compartir: