TURISMO

Turismo de Santiago promociona en FITUR a nova conexión aérea con Estambul na busca de máis mercados interesantes para a cidade

30/01/2013 Turismo de Santiago está a participar en FITUR, a principal feira turística de España, que se celebra entre o 30 de xaneiro e o 3 de febreiro en Madrid. Nesta primeira xornada continuouse a promoción da nova conexión entre Santiago e Estambul.

Tal como fixera na anterior semana na EMITT, a principal feira turística de Turquía, Turismo de Santiago promocionou a nova conexión aérea entre Santiago e Estambul. Así, as persoas que se acheguen ao mostrador de Santiago poderán participar no sorteo dunha viaxe a Estambul, que inclúe unha cea en Santiago, xa que sexa de onde sexa o gañador, terá que partir dende a cidade.

Este sorteo é unha das medidas acordadas con Turkish Airlines para a promoción da ruta e nesta ocación conta coa colaboración de Paradores. O gañador coñecerase o 3 de febreiro ás 12:00 horas.

No acto promocional celebrado no stand da compañía aérea, a concelleira de Turismo, Reyes Leis, agradeceu "a aposta que está facendo Turkish Airlines polo aeroporto de Lavacolla como porta de entrada en Galicia". Neste sentido, indicou que "nós, na medida das nosas posibilidades, estamos intentando aproveitar esta aposta de Turkish Airlines para atraer turismo de Turquía, pero tamén doutros mercados interesantes para a cidade, como o de Corea do Sur ou Xapón. Trátase de mercados que agora están máis próximos grazas á magnífica rede de conexións coas que conta Turkish Airlines en Estambul".

A edil falou do convenio de colaboración asinado coa compañía, que se plasma en accións como a publicación de información turística de Santiago en varios números da revista da compañía Turkish Airlines, a presenza de Turismo de Santiago na citada EMITT, esta presentación conxunta de FITUR, as accións promocionais nestas dúas feiras ou a organización de presstrips, famtrips e workshops para que os profesionais turcos poidan coñecer de primeira man Santiago de Compostela.

Tour Box
Na xornada do xoves 31, ás 10:45 horas, tamén no stand de Galicia, celebrarase a presentación dun innovador Tour Box, para descubrir conxuntamente tres camiños de peregrinaxe declarados Itinerarios Culturais Europeos: o Camiño de Santiago, a Vía Francíxena e a Ruta de San Olav. Este Tour Box nace dentro do Proxecto Certo, no que, ademais de Turismo de Santiago, participan entidades de Italia, Noruega e Luxemburgo.

Nesta presentación intervirán a concelleira de Turismo, Reyes Leis; a directora xeral do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais, Penélope Denu; o presidente de Camiños de Europa, Alessandro Cardinali; o presidente da Asociación Europea da Vía Francíxena, Massimo Tedeschi; o coordinador do Proxecto Certo, Giovanni Pattoneri; e o product manager do Eatinerari-Cammini d’Europa, Diego Di Paolo.

Turismo de Santiago manterá reunións con numerosos profesionais para promocionar a cidade. Entre outros, haberá reunións cos directores de diferentes Oficinas Españolas de Turismo. Ademais, no mostrador de Santiago en Fitur aténdense todas as consultas do público xeral interesado en visitar a cidade.

Compartir: