CULTURA

Rober Bodegas estrea o seu novo espectáculo, "O umbral da estupidez", no Falabaratos

30/01/2013 O humorista Rober Bodegas presenta a estrea absoluta do seu novo espectáculo, O umbral da estupidez, no ciclo Falabaratos. Faino en dúas funcións, o xoves 31 de xaneiro e o venres 1 de febreiro, ás 21:00 horas, no Teatro Principal. As entradas, a 12 euros (9 € no anfiteatro) poden mercarse na billeteira do propio Principal, aberta de martes a sábado de 18:00 a 21:00 horas, ou en Novagaliciabanco (na web entradas.novagaliciabanco.es ou no teléfono 902 434 443).

"É cousa miña ou estamos volvéndonos imbéciles? Esta frase oímola mil veces, mesmo a dixemos. É unha frase feita. Pero, e se fose verdade? E se de súpeto estudos revelasen que isto é así? Que cada día somos máis parvos. Que o cerebro nos fixo unfollow. Que os do Starbuck’s sábeno e por iso che cobran o dobre por un café que non che serven. Que alguén nun despacho se está desternillando porque nos fixo crer que levar os líquidos en botes pequenos nun avión é o segredo da paz mundial.

Se algunha vez pensaches nisto, se cada día ocorre algo que che fai pensar en se realmente es ti o parvo ou esa persoa que tes en fronte merece unha puñada na garganta, xa sexa o de en fronte un dependente maleducado ou unha entidade bancaria ao completo. E sobre todo, se cres que se drogan a un mono con viagra e atan a unha árbore a unha persoa medio normal e a unha medio imbécil, o mono saciará o seu desexo coa segunda porque sente evolutivamente máis próxima, é moi probable que che interese El umbral de la estupidez. Non se fala de ningún remedio para que a cousa cambie, pero si do que hai que facer para que un mono drogado non note que es parvo. Que non é pouco".

Rober Bodegas leva dez anos na comedia. Foi colaborador en dous programas de televisión (El rey de la comedia, Sé lo que hicisteis…) ao mesmo tempo que guionista. Tamén desenvolveu novos proxectos para Hill Valley (produtora de Muchachada Nui, Museo Coconut, etc.) e Mandarina (produtora de Lo sabe, no lo sabe). Actualmente, xunto cos tamén cómicos Ángel Martín e Alberto Casado, escriben e interpretan os sketches e curtos de solocomedia.com, a súa canle de comedia online, cuxos contidos recibiron máis de doce millóns de visitas no seu primeiro ano de existencia. Ademais, escribiu artigos para La Voz de Galicia, un libro e tres espectáculos de monólogos, virou con eles por toda España e co último estivo tres anos en carteleira na Gran Vía de Madrid, sumando en total máis de mil representacións. Agora presenta o cuarto, El tonto soy yo.

Despois de Bodegas pasarán polo ciclo Falabaratos Joaquín Reyes, Miguel Lago, Manuel Manquiña, Luis Zahera, Roberto Vilar e Evaristo Calvo. Estiveron xa Dani Mateo, Federico Pérez e Quico Cadaval.

Compartir: