CULTURA

"Corcheas, semifusas e ilusións" con Martín Camiña no programa cultural de Nadal

28/12/2012 A maxia volve ser protagonista dentro do programa Infantil Familiar, do Departamento de Cultura, na xornada do sábado 29 de decembro. O ilusionista Martín Camiña presenta, a partir das 19:30 horas no Teatro Principal, o espectáculo Corcheas, semifusas e ilusións. As entradas poden mercarse na billeteira do propio Teatro Principal, aberta de martes a sábado e os días do evento de 18:00 a 21:00 horas ou en Novagaliciabanco. O prezo é de 5 euros, podendo adquirirse un abono familiar: 4 entradas a 15 euros.

Con música en directo, composta cos acordes da baralla de Martín Camiña, unha das mellores bandas do momento, a Muras Triofunk, vese na obriga de compartir escenario cun ilusionista melómano. El desexa tocar, pero a súa calidade musical está á mesma altura que os orzamentos para a cultura, co que só lle queda continuar cos seus números de maxia. O grupo e a súa mánager farán todo o posible para non admitir semellante inquilino, xa que a ruína do conxunto estaría garantida.

Maxias coas partituras, a auga, os micrófonos, os instrumentos, a luz, os pensamentos, o son, as cartas, a froita do catering ou as cordas….. e non só as da guitarra, afinarán esta peza máxica e musical. Espectáculo para escoitar, ver e asombrarse, creado en "clave de fa": fabuloso, fascinante e fantástico.

Compartir: