ALCALDÍA

Concello e USC estudarán a redacción dun novo convenio de colaboración

30/11/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, reuniuse co reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long. No encontro, celebrado no Reiterado, fixeron un repaso do convenio de colaboración entre ambas institucións, que data de 2005, co obxectivo de actualizalo e, probablemente, redactar un novo.

Sobre ese convenio de colaboración asinado en 2005 entre Concello e USC, o alcalde apuntou que "non funcionou como debera e, de feito, nin sequera se constituíu a súa comisión seguimento". Por iso, Ángel Currás cre necesario "actualizar e analizar o contido do convenio" co fin de "posiblemente", asinar un novo convenio.

Tras lembrar o non executado do acordo de 2005, referiuse non obstante ao investimento de 300.000 euros realizado polo actual Goberno municipal no arranxo de beirarrúas e vieiros. Cara o futuro, afirmou a vontade de "cooperación e colaboración" e falou da necesidade de avanzar "noutros compromisos que hai que resolver". Na reunión tamén se falou do Campus da Saúde, quedando emprazados para unha próxima reunión.

Pola súa parte, o reitor, Juan Casares Long, tamén insistiu na necesidade de "repasar" o convenio de 2005 e de asinar un novo que recolla as necesidades actuais. Ademais, coincidiu en salientar os puntos de encontro entre a USC e a cidade en torno aos cales se debe seguir traballando en común.

Compartir: