CULTURA

Seis obras de teatro amador na XI edición do Festival Agustín Magán

29/11/2012 O director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou; a presidenta da Federación Galega de Teatro Afeccionado, FEGATEA, Chelo Pampillón; e o vicepresidente, José León; presentaron a XI edición do Festival Agustín Magán. Nel, seis compañías representativas do teatro amador galego presentan as súas obras do 6 ao 11 de decembro no Teatro Principal. As funcións serán todas ás 20:30 horas e o prezo de entrada será de 3 euros. Poderán mercarse na propia billeteira do Principal, aberta dende as 18:00 horas.

Os seis grupos seleccionados representan a evolución do teatro afeccionado, modernizado, seguindo as últimas tendencias con propostas arriscadas e sobre todo coa paixón de facer teatro por afección.

NNC Teatro, grupo local, representará o día 6 Pim, pam, Clown!, unha sátira sobre as incongruencias dos conflitos armados. Trécola Teatro centrarase nos asuntos do corazón e todo o que deixamos atrás por mor do medo en A historia do corazón reloxo, o venres día 7.

O día 8, poderemos ver Quimera, un excepcional traballo do grupo de teatro Gargallada, que xogará cos espectadores entre o real e o imaxinario. O domingo día 9, O Aturuxo de Melpómene faranos tremer ante a tesitura da prohibición do Café. E xa o luns día 10, Mulleres de Moaña, un grupo exclusivamente feminino, xogará ao metateatro con A balada do cárcere de Circe.

Pecha a programación desta edición, o martes 11, Paso de Valverde, que nos poñerá a pel de galiña coa forza da súa posta en escena na que veremos como o paso do tempo esmorece a pel en Sánatos.

Todas as funcións serán ás 20:30 horas no Teatro Principal e as entradas poden mercarse na billeteira do propio teatro, aberta dende as 18:00 horas, a un prezo de 3 euros.

Compartir: