XUNTA DE GOBERNO

O contrato de mantemento do cemiterio de Boisaca incluirá novos servizos adicionais

29/11/2012 A Xunta de Goberno aprobou o inicio do expediente para adxudicar o novo contrato de conservación e mantemento do cemiterio municipal de Boisaca. Ademais, aprobáronse diversas subvencións en materia de cultura, deporte, benestar social e muller.

Segundo explicou a voceira adxunta da Xunta de Goberno e responsable tamén da área de Cemiterios, María Castelao, o tipo de licitación do contrato de mantemento do camposanto de Boisaca é de 141.328 euros anuais. Como novidade, apuntou que a empresa adxudicataria estará obrigada a incluír no prezo a construción de unidades de enterramento e tamén a asumir os custos dos enterros de beneficencia, cuxa partida estaba ata agora incluída en Benestar Social.

Barrios
Na mesma sesión tamén se abordou o plan de obras nas zonas ou sectores urbanos e suburbanos do municipio de Santiago previsto para os anos 2013, 2014 e 2015. Este programa de prioridades, cun calendario de actuacións, sumarase ao executado en 2012, que destinou 800.000 a obras nos barrios da cidade.

Deportes
En materia de Deportes, aprobáronse os convenios para outorgar subvencións a varios clubs deportivos da cidade: Club Arteal Tenis de Mesa, 14.000 euros; S.D. Compostela, 6.000 euros; Santiago Futsal, 50.000 euros; Escudería Compostela, 11.000 euros; Club Triatlon Bricosa, 12.000 euros.

Centros Socioculturais
A proposta do concelleiro de Centros Socioculturais, acordouse a prórroga do contrato de aluguer para 2013 dos locais utilizados como centros socioculturais no Romaño, por 442 euros ao mes, e en Casas Novas, por 514 euros ao mes. En ambos casos se acordou cos arrendadores que non se revisara o IPC. No caso do Romaño, este local será substituído en 2014 polo novo que se construirá e que agora está en proceso de adxudicación.

Benestar Social e Muller
En Benestar Social, aprobáronse os listados e contías das bolsas de comedor escolar para o curso 2012/2013. Tamén nesta Concellería, pero na área de Traballo, deuse conta da concesión dunha subvención para realizar o obradoiro de emprego "Santiago Impulsa", por importe de 264.497 euros. Finalmente, informouse da sinatura dos convenios coa Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (Abagal), coa USC (Programa Ruptura de Parella) e con Down Compostela, aos que o Concello achegará, respectivamente, 2.200, 51.000 e 10.450 euros.

Outro dos acordos foi a resolución da convocatoria de axudas para o movemento asociativo de mulleres, cun reparto total de 9.541 euros entre diferentes entidades.

Cultura
Xa no eido cultural, deuse conta dos convenios coa Sala Capitol (11.000 euros) e coa Fundación Gonzalo Torrente Ballester (24.000 euros).

Pista de xeo
Finalmente, adxudicouse o contrato de instalación, xestión e explotación dunha pista de patinaxe sobre xeo na Alameda durante o Nadal 2012-2013.

Compartir: