PARTICIPACIÓN CIDADÁ

Novas rutas didácticas polo Castelo da Rocha, a cerca da cidade e o Modernismo

31/10/2012 Continúa desenvolvéndose o programa educativo de rutas didácticas pola cidade e as parroquias Cultura Viva. Fai túa Compostela, promovido pola Concellaría de Centros Socioculturais e Participación Cidadá.

O sábado 3 de novembro, pola mañá, realizarase a ruta didáctica co título "O Castelo da Rocha". Será unha visita e explicación do Castelo da Rocha, unha das principais xoias arqueolóxicas do Concello de Santiago. Coa ruta amosarase aos veciños este importante xacemento, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) e datado no século XIII. Dende o ano 2001 véñense desenvolvendo intervencións para a súa recuperación e coñecemento social. O punto de saída da ruta será a praza de Galicia (parada do autobús diante do Banco Santander), ás 11:00 horas.

Para o mércores 7 de novembro está prevista a ruta titulada "A cerca da cidade II", na que, seguindo as pegadas da muralla da cidade, os participantes coñecerán algúns dos segredos de Compostela. Punto de saída: Porta do Camiño (ao lado da fonte), ás 18:00 horas.

E o sábado 10 de novembro, a ruta "O Modernismo en Compostela" ofreceranos un itinerario pola arquitectura modernista Compostela. Os participantes sairán do Centro Sociocultural do Ensanche (Rúa de Frei Rosendo Salvado 14-16) ás 11:00 horas.

Os veciños e veciñas interesadas en participar nas rutas didácticas deste programa poden inscribirse presencialmente ou por telefono nos centros socioculturais tanto en horario de mañá como de tarde. O programa pode descargarse nesta mesma web.

Compartir: