ECONOMÍA

Máis de 200 persoas asistirán ás Xornadas Internacionais de Coaching de Santiago

28/09/2012 A concelleira de Economía, Reyes Leis, e a coordinadora do evento, Marcela Parga, presentaron ás Xornadas Internacionais de Coaching (XIC) de Santiago, que se celebrarán os días 11 e 12 de outubro no edificio municipal CERSIA. Esta será a cuarta edición deste evento, a segunda consecutiva que se celebra no CERSIA coa colaboración do Concello.

As XIC son un encontro que posiciona a Galicia como un referente internacional en materia de coaching, liderado e crecemento persoal. Nesta edición espérase que asistan máis de 200 persoas procedentes de diversos puntos de España, que traballarán cinco grandes ferramentas de coaching, que permitirán responder ao lema do evento deste ano: "Construíndo a nosa mellor versión".

O evento deste ano contará con relatores de prestixio internacional como Amanda Thomson (Reino Unido), Lama Dorje Dondrub (España), Thierry de Tourniel (Francia), Jhon Tolmie (Noruega), Alexandra Lemos (Portugal), entre outros. Estes relatores permitirán aos asistentes adquirir novas habilidades e comprender novos puntos de vista.

O programa, ademais de relatorios e obradoiros, inclúe tamén momentos de "networking" para que os asistentes poidan coñecerse e compartir ideas e experiencias, sentando as bases de posibles colaboracións futuras nos seus diferentes ámbitos. Toda a información sobre as xornadas, o programa, relatores e modalidades de inscrición pode consultarse en www.xornadascoaching.es.

Compartir: