CENTROS SOCIOCULTURAIS

Unha campaña promoverá o uso de Internet entre os composteláns

29/03/2005 O coordinador en Galicia de Todos en Internet, César Jiménez, e a concelleira de Centros Socioculturais do Concello, Mercedes Rosón, explicaron como se desenvolverá esta campaña en Compostela, onde estará instalada un aula móbil ata o 7 de abril.

Unha aula fixa instalada no Centro Sociocultural de As Fontiñas estará ata o vindeiro 7 de abril a disposición de todos aqueles cidadáns que queiran ver as vantaxes de Internet en actividades como o traballo, o ocio e a comunicación. Esta aula forma parte da campaña Todos.es, promovida polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e a entidade pública empresarial Red.es, coa colaboración da Xunta de Galicia.

Os composteláns que decidan achegarse ao centro sociocultural de As Fontiñas recibirán unha introdución no manexo da Rede durante uns 55 minutos, coa axuda dun monitor. O horario da aula é de 9 a 21 horas, e aqueles colectivos que queiran concertar citas poden facelo chamando ao teléfono 902 011 010, onde tamén se informa sobre a campaña, ou visitando a web .

Segundo explicou César Jiménez, coordinador da campaña en Galicia, o proxecto diríxese especialmente á xente "que nunca tivo acceso á Rede", como "amas de casa, persoas maiores, discapacitados, xente do rural, inmigrantes, etcétera".

A campaña Todos.es presentouse o pasado mes de febreiro en Santiago de Compostela. Cun orzamento de 16 millóns de euros a nivel nacional, pretende sensibilizar a 1,5 millóns de cidadáns, para o que durante 16 meses, 25 aulas de internet fixas e móbiles dotadas de 25 ordenadores percorrerán un total de 3.250 localidades de toda España.

Compartir: