CULTURA

Finaliza Curtocircuíto na Rúa cunha alta participación de público

31/08/2012 O xoves 30 de agosto finalizou Curtocircuíto na Rúa –iniciativa da Concellería de Cultura-, despois de catro semanas de proxeccións de curtametraxes nas rúas do casco histórico compostelán. Estas sesións estivais ao aire libre achegan Curtocircuíto aos espectadores que visitan a cidade na época de verán. Así máis de 1.000 persoas puideron gozar cun percorrido polas últimas novidades do cine de curta duración que se están a realizar en todo o mundo: Volta ao Mundo 1 na praza do Toural, Feito en España na praza de Cervantes, By Galicia na Zona C e Volta ao Mundo 2 na praza das Praterías. Púidose gozar dos premiados do último Festival, que tivo lugar en maio, e das curtas máis valoradas polo público da Semana Oficial.

O público asistente outorgou o Premio do Público na Rúa á Mellor Curtametraxe, dotado con 1000 €, a Tuba Atlantic, de Witzo Hallvar (Noruega). Esta curtametraxe é unha das máis premiadas este ano en todo o mundo e foi incluso finalista á mellor curtametraxe de ficción nos Oscar 2012.

As curtas de Curtocircuíto viaxan a festivais de todo o mundo co obxecto de continuar na expansión e divulgación do Festival Internacional de Curtametraxes. Nos últimos meses, o Festival presentou varios programas de curtametraxes no marco de certames internacionais prestixiosos como o Festival de Cine Europeo de Brest, en Francia, ou a Muestra Joven da Habana, en Cuba, entre outros. A próxima parada será no Festival de Cine Iberoamericano de Nova Inglaterra, en Estados Unidos, que se celebrará do 22 ao 30 de setembro e onde se presentarán traballos galegos así como de todo o estado español.

A idea de proxectar os traballos de Curtocircuíto por todos os recunchos do mundo faise realidade dende hai xa varios anos, o que permitiu que o nome do Festival viaxe por lugares como Inglaterra, Francia, Portugal, Australia, Brasil, México, Cuba, Canadá ou Estados Unidos.

Compartir: