FACENDA

A Conta Xeral 2011 constata a mellora dos niveis de solvencia do Concello e o camiño emprendido cara a estabilidade financeira

31/08/2012 A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, presentou as cifras da Conta Xeral 2011 do Concello, que reflicten unha mellora dos niveis de solvencia, os primeiros pasos cara a estabilidade financeira e o déficit 0 e unha redución do endebedamento. As contas seguen arrastrando un remanente negativo de tesourería, derivado de exercicios anteriores.

A liquidación recollida na Conta reflicte un resultado orzamentario positivo de 6.013.631 euros. Non obstante, o remanente negativo de tesourería rexistra un resultado negativo de -1.401.111 euros. Malia isto, Cecilia Sierra destacou que se reduciu en case un 50% este remanente negativo, que en 2010 fora duns 2,5 millóns de euros.

A edil explicou que este remanente negativo se deriva de exercicios anteriores, fundamentalmente do exceso de financiamento afectado. "Ao non ir executando os investimentos, arrástrase un exceso de financiamento que hai que ir incorporando aos exercicios seguintes", dixo. Este exceso cuantifícase en 24.333.974 euros.

Un dos datos destacados pola concelleira foi o da estabilidade orzamentaria que reflicte a Conta, cifrada en 1.505.303 euros, así como o aforro neto de 6.237.3003 euros. Para Cecilia Sierra, resulta destacable que "por primeira vez, se cumpre un plan económico-financeiro no Concello. "Isto é moi importante tendo en conta a aposta do Goberno municipal polo sostemento das finanzas públicas ao longo do tempo, para así manter os servizos básicos do Concello", apuntou.

Fronte á irregularidade desta estabilidade nos diferentes exercicios, indicou, "adiantámonos á normativa estatal e comezamos a senda cara a estabilidade continuada no tempo". Seguindo con este tema, insistiu en que o obxectivo do déficit cero é "irrenunciable" para este Goberno. Nesa liña e na da referida estabilidade se sitúa o Plan de Axuste.

Maior autonomía e menor endebedamento por habitante
Outro aspecto da Conta Xeral analizado pola responsable de Facenda foi o dos indicadores orzamentarios e financeiros. En particular, salientou a mellora da autonomía total pasando dun ratio de 0,69 a 0,88 respecto ao exercicio 2010. Igualmente, como consecuencia de non recorrer a máis préstamos, a autonomía fiscal mellorou dun 0,45 a un 0,52.

O dato negativo neste capítulo segue sendo o da liquidez inmediata, que diminuíu dun 0,37 a un 0,34, se ben destacou a concelleira os pasos dados para mellorar esta situación nos vindeiros exercicios. Tamén positivo é o dato da solvencia, que se incrementou dun 1,36 a un 1,73.

Finalmente, apuntou a redución do endebedamento por habitante, que pasou dos 697,58 euros de 2010 aos 670,82 euros de 2011. Nese sentido, reiterou a aposta municipal por seguir reducindo o endebedamento. Mostra disto é a previsión de amortizar en torno a dez millóns de euros por exercicio.

Esta Conta Xeral, que reflicte a imaxe global do Concello e das súas entidades dependentes dende un punto de vista contable, financeiro e patrimonial, será levada á Comisión Especial de Contas e logo publicada no Boletín Oficial da Provincia. Tras o período de exposición e de resolución de alegacións tamén en Comisión, será sometida á aprobación do Pleno municipal. Finalmente, remitirase ao Consello de Contas e ao Tribunal de Contas.

Orzamentos 2013
Cecilia Sierra aproveitou a rolda de prensa para confirmar, tal como anunciara anteriormente o alcalde, que a prioridade do seu Departamento é ter listos os orzamentos de 2013 para a súa aprobación antes de que remate o presenta ano 2012.

Compartir: