DEPORTES

A saída da Volta deixa un importante impacto económico na cidade nun mes de agosto de masiva afluencia turística

31/08/2012 A praza do Obradoiro acolleu a saída neutralizada da etapa número 13 da Volta Ciclista a España, con destino Ferrol. 27 anos despois, a cidade volvía acoller unha saída desta proba ciclista, que o público puido seguir por varias rúas do Casco Histórico. Este evento deportivo, que tamén congregou numerosos visitantes, pechou un mes de agosto histórico dende o punto de vista turístico, do que dan conta as máis de 45.000 consultas realizadas na oficina de Turismo de Santiago.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, e parte da Corporación sumáronse á saída neutralizada dende o Obradoiro da Volta, que congregou a centos de composteláns e visitantes na praza. Antes, todos os corredores dos equipos participantes foran pasando polo control de firmas.

Tras recibir en Raxoi á membros da organización da Volta -entre eles os ex corredores Abraham Olano e Pedro Escartín- o alcalde salientou o importante efecto económico que este evento deportivo ten para cidade, cifrado pola organización en torno aos 250.000 euros. Neste sentido, puxo como exemplo desta repercusión que, das preto de 2.000 persoas que compoñen a caravana ciclista, o 80% se hospedou en Santiago.

Este impacto económico situouno ademáis nun mes de agosto no que Santiago rexistrou unha importante presenza de turistas. Así, a falta de coñecer os datos totais, no mes de agosto realizáronse máis de 45.000 consultas presenciais na oficina de Turismo de Santiago.

Compartir: