BENESTAR SOCIAL

O Concello alenta o labor social e medioambiental de Coregal

31/08/2012 As concelleiras de Benestar Social e Emprego, Paula Prado, e de Medio Ambiente, María Castelao, achegáronse ás instalacións de xestión integral de residuos non perigosos que Coregal ten no polígono da Costa Vella para comprobar de primeira man os traballos de tratamento de refugallos que alí se fan.

As dúas concelleiras foron recibidas nas instalacións polo presidente de COGAMI, Anxo Queiruga; o vicepresidente, Ramón Sestayo, e mais Beatriz Español, directora de produción de Coregal, que foi a encargada de explicar o funcionamento deste centro de traballo.

Paula Prado trasladou o total respaldo por parte do Concello de Santiago á actividade que leva a cabo Coregal, tanto no que respecta á recollida selectiva de lixo e a súa xestión integral como polo seu labor de centro especial de emprego, con máis do 90% do cadro do persoal composto por persoas con discapacidade. É unha das sete empresas sociais que forma parte do grupo empresarial que ten COGAMI en Santiago e que empregan a preto de cen persoas na comarca compostelá

Coregal dedícase dende o ano 1994 á recollidas electiva de materiais non perigosos. Iniciou a actividade centrado na recollida de papel e cartón de institucións, fundamentalmente de organismos oficiais, e tamén en empresas privadas, sendo despois pioneira en realizar a coñecida como recollida porta por porta, na que recollen os cartóns que os comerciantes depositan ás entradas dos negocios.

Na actualidade non só se dedica ao papel e cartón, tamén recolle outros refugallos como plásticos, vidros, electrodomésticos, envases lixeiros, materiais téxtiles, madeiras, lodos, ferrallas, voluminosos e mesturado de residuos.

Compartir: