XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas as listas de admitidos e de agarda para a Escola Infantil de Salgueiriños

30/08/2012 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, aprobou as listas definitivas de admitidos e agarda para a Escola Infantil Municipal de Meixonfrío-Salgueiriños. Ofrecíanse 102 prazas, das que 86 quedaron cubertas.

Aprobadas as listas, outórgase un prazo de dez días para que os interesados realicen as reclamacións que consideren oportunas. Tamén se deu o visto bo ao prazo de matrícula, do 5 ao 14 de setembro, ambos inclusive.

Segundo explicou a voceira da Xunta de Goberno, Paula Prado, as prazas ofrecidas de 0-1 anos (24) e de 1-2 anos (38) foron cubertas na súa totalidade, quedando, respectivamente, 17 e 28 solicitudes en lista de agarda. En cambio, no rango de idade de 2-3 anos cubríronse 24 das 40 prazas dispoñibles, quedando 16 vacantes.

Obradoiro de emprego
Noutra orde de cousas, solicitouse á Consellería de Traballo e Benestar un Obradoiro de Emprego, por un importe de 446.000 euros. O Concello achegaría 50.000 euros. Solicítanse tres obradoiros nas seguintes especialidades: Instalación de elementos de carpintería; Operacións básicas de restauración e bar; e Confección de páxinas web.

Paula Prado expresou a súa confianza en que a Consellería outorgue algún destes obradoiros, amosándose especialmente interesada no relacionado coa carpintería, xa que é intención da Concellería de Emprego que os participantes neste obradoiro poidan elaborar as casetas que se empreguen no futuro no mercado de Nadal e noutras actividades municipais. Inicialmente solicítanse os obradoiros para un total de 45 persoas e a edil ten a esperanza de que se concedan cando menos para 25 ou 30 persoas.

Rehabilitación de vivendas
Outro dos temas tratados na Xunta de Goberno foi a aprobación definitiva de dúas axudas para a rehabilitación de vivendas do Casco Histórico (10ª fase), por importe de 10.654 e 4.566 euros. Trátase de dúas vivendas situadas na rúa do Vilar. Xa na 11ª fase, ratificáronse outras 22 axudas, por un total de 87.333 euros.

Compartir: