ALCALDÍA

O Museo Casa da Troia abra as súas portas ás visitas durante o verán

31/07/2012 O Museo Casa da Troia abriu de novo as súas portas ao público nun acto ao que asistiron, entre outros, o alcalde, Ángel Currás; o concelleiro de Relacións Institucionais, Francisco Noya; o conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez; e o reitor da USC, Juan Casares. O Museo poderá visitarse durante todo o verán, polas mañás en horario de 11:00 a 14:00 horas e polas tardes de 16:00 a 20:00 horas. Estará pechado os domingos pola tarde e os luns durante todo o día.

"Para o Concello de Santiago é unha gran honra poñer de novo en servizo esta Casa da Troia, que forma parte xa do imaxinario colectivo de Santiago", indicou o alcalde, quen salientou o labor de "quen é o impulso, o alento, desta Casa da Troia: Benigno Amor. Alégrome que un fillo seu contribúa a seguir dando impulso". Ademais, expresou a súa confianza en que "en pouco tempo, este recinto sexa un referente cultural aberto á cidade, e que a cidade tamén faga uso del e o coñeza en profundidade".

O Museo Casa da Troia está xestionado pola Asociación de Antigos Tunos Composteláns, que se constituíu en 1979 co propósito de "crear e conservar un Museo Troiano no que se recrease o ambiente estudantil compostelá, fomentar as tradicións universitarias, ademais de colaborar na promoción e realización de actos culturais na cidade" -tal como sinala o seu presidente, Benigno Amor Barreiro.

Ao longo do verán poderán realizarse visitas guiadas á vella pensión de estudantes do século XIX que inmortalizou Alejandro Pérez Lugín na súa novela La Casa de la Troya. Nela aloxábase o personaxe principal, Gerardo Roquer, e os seus compañeiros de estudos. Tamén está previsto manter as visitas dramatizadas varios días á semana, tal como se fixo en 2011. E, dende a Asociación, informan de que están a traballar para darlle novos contidos ao Museo. En particular, estase a avanzar nunha exposición de pinturas de temática troiana para o mes de setembro.

Obras de recuperación
O Museo estivo pechado todo o ano, debido en parte á realización de obras de recuperación do tellado e das canalizacións, que se levaron a cabo grazas ao apoio do Consorcio de Santiago. Así mesmo, aproveitouse para aplicar ao mobiliario da casa un tratamento contra a couza, que neste caso se pagou con fondos propios.

Amor manifesta que "facemos un esforzo por aportar un museo máis á cidade, aínda que só sexa en temporada estival. Representa un esforzo enorme porque conleva custos onerosos para unha asociación deste tipo. Non obstante, estamos moi satisfeitos de ter aberto o museo, circunstancia que aproveitaremos para organizar algunha actividade social ao longo do verán". O voceiro do museo salienta que "pensamos que nunha cidade como Santiago de Compostela as dimensións cultural e turística deben ir da man, posto que isto redunda nun maior beneficio e rendibilidade tanto económica como social".

Perfís dos visitantes
O Museo Casa da Troia abre varios meses ao ano, en particular en Semana Santa e durante a época estival. O período de maior afluencia de público é o verán. En 2011, durante o mes que permaneceu aberta, entre o 14 de xullo e o 16 de agosto, recibiu 1.058 visitas, 853 de España e 205 de todo o mundo. Nesta ocasión, os andaluces superaron aos madrileños, que normalmente son os que máis visitan a casa tras os galegos. Galicia achegou o 29% das visitas, Andalucía o 16%, Madrid o 12%, e Valencia e Cataluña o 8%; aínda que chegaron turistas procedentes de case todas as autonomías.

Tamén é significativa a orixe estranxeira dos turistas que pasan pola Casa da Troia. Proceden de todas as partes do mundo, aínda que cun claro predominio europeo. Así, Francia aportou o ano pasado o 26% dos visitantes internacionais, Portugal o 13%, Alemaña o 12%, Italia o 10%, Reino Unido e Bélxica o 7% e Holanda o 5%. Destaca ademais a presenza de estadounidenses, seguidos por canadenses e mexicanos.

A Casa da Troia, de antiga pensión de estudantes a museo
O edificio que alberga o Museo Casa da Troia construíuse a mediados do século XVIII. Na planta baixa está a recepción, antiga zona de paso tanto das persoas como dos cabalos que baixaban ás cortes. No primeiro andar atópase o vello salón-comedor, tamén habilitado como zona de estudo, e noutra época lugar de ensaio da Tuna Compostelana; e a sala de respecto, unha pequena estancia empregada durante as visitas dos familiares dos estudantes. No segundo andar están os dormitorios. No ático atópase a cociña, ademais dun pequeno dormitorio, que na novela pertencía a Dona Generosa, a patroa. O soto, que antigamente se usaba como corte dos cabalos, está dedicado ás tunas universitarias, e poden admirarse diversos instrumentos musicais, becas, capas, trofeos, fotografías e outras pertenzas da estudantina.

Compartir: