INFRAESTRUTURAS

A glorieta en construción entre Rodríguez de Viguri e o Camiño Francés permite xa unha circulación máis fluída na zona

31/07/2012 A concelleira de Obras e Infraestruturas, María Castelao, visitou as obras de construción da nova glorieta entre a avenida Rodríguez de Viguri e o Camiño Francés, que permitirá eliminar a rede semafórica desta zona. Esta obra, xunto coa glorieta no entorno do Centro Comercial das Cancelas, tamén en construción, e o paso inferior do Camiño Francés, xa en funcionamento, forman parte das infraestruturas para a mellora do tráfico subscritas por convenio entre o Concello e a promotora da superficie comercial. Estas tres actuacións suporán un investimento duns 3,5 millóns de euros.

María Castelao constatou que "avanzan a bo ritmo" as obras da glorieta entre a avenida Rodríguez de Viguri e o Camiño Francés, que "constituirá unha mellora moi importante do tráfico neta zona e redundará en beneficio dos cidadáns unha vez se abra o centro comercial". A glorieta permitirá substituír "estruturas moi obsoletas" e unha zona "moi semaforizada" que dificultaban o tráfico nesta parte da cidade.

Indicou que están constituídos os bordes da glorieta e que xa funciona como tal, podéndose apreciar xa os seus efectos beneficiosos na fluidez do tráfico. Unicamente quedan, segundo apuntou, algúns detalles de sinalización e os dous carrís directos previstos: o que facilitará acceder directamente dende Rodríguez de Viguri ao Camiño Francés e ao seu paso inferior sen entrar na glorieta, dando á vez servizo aos edificios que quedan á man dereita; e o que permitirá aos vehículos procedentes do centro comercial saír directamente a Rodríguez de Viguri (en dirección San Caetano), tamén sen entrar na rotonda.

Glorieta nas Cancelas
Tamén están xa constituídos os bordes na glorieta prevista no entorno do centro comercial. Esta infraestrutura facilitará a circulación nunha zona onde conflúen cinco vieiros e agora sen regulación máis alá de cedas ao paso. Na rotonda xuntarase o tráfico procedente da rúa das Cancelas, da avenida de Xoán Paulo II, da rúa do 25 de xullo e da rúa do Doiro.

Grazas á nova infraestrutura facilitarase a saída do estacionamento do centro comercial. Ademais e mediante unha semiglorieta contigua á principal e un ceda ao paso permitirase, por un lado, o acceso dos vehículos procedentes de Xoán Paulo II cara 25 de xullo e, polo outro, a saída dos vehículos procedentes desta última rúa para incorporarse a Doiro ou á glorieta principal.

A concelleira indicou que a finais de agosto se acometerán os traballos da colocación de novo aglomerado nestas glorietas, e xa dende entón poderán funcionar con normalidade. Paralelamente iranse realizando os traballos de remate de xardinería, iluminación ou sinalización, co obxectivo de que as obras poidan estar concluídas a finais de setembro ou principios de outubro.

As glorietas estarán entón rematadas antes da apertura do Centro Comercial As Cancelas, xa que, segundo indicou Javier Zamorano, director de Concepto e Construción de Carrefour Property España, as instalacións abrirán as súas portas a mediados de novembro.

Compartir: