PLENO

O Pleno aproba definitivamente os orzamentos municipais 2012

31/07/2012 O Pleno municipal aprobou finalmente, cos votos favorables do grupo de Goberno, o orzamento e o cadro de persoal do Concello para o ano 2012, unha vez estudadas as alegacións presentadas.

A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, deu conta das seis alegacións presentadas a estes orzamentos, que definiu como "realistas" e "axustados á realidade económica do Concello", nos que se "prioriza o gasto social". Das seis alegacións, catro foron presentadas por centrais sindicais, unha por unha formación política e outra a título particular. De todas elas, unicamente se estimou parcialmente unha, relativa á inclusión no cadro de persoal de dúas prazas para a Policía Local; unha de intendente principal e doutra de intendente, segundo explicou tamén no Pleno a edil de Persoal, Amelia González.

As contas do Concello para este exercicio prevén uns gastos de 89.859.778 euros e uns ingresos de 92.580.508 euros. Os gastos diminúen 5.368.181 euros (-5,64%) respecto ao exercicio 2011, mentres que os ingresos mingúan en 2.647.461 euros (-2,78%). Así pois, as contas de 2012 apróbanse cun superávit de 2.720.720 euros.

O orzamento consolidado –sumadas as sociedades municipais INCOLSA, TUSSA e EMUVISSA e o Auditorio de Galicia- presenta unha previsión de gastos de 94.302.593 euros, isto é 23.382.759 euros menos (-19,87%) que en 2011. Presupóstanse 97.252.073 euros de ingresos, 20.582.205 euros menos (-17,47%) que no anterior exercicio. O superávit alcanzaría os 2.949.479 euros, sumando ao superávit do Concello o previsto por TUSSA de 228.759 euros.

O Auditorio de Galicia terá un orzamento equilibrado (igual en ingresos e gastos) de 2.802.185 euros, polos 1.378.427 euros de INCOLSA e os 2.118.113 euros de EMUVISSA. O orzamento de ingresos de TUSSA será de 1.777.164 euros e o de gastos de 1.548.405 euros.

Compartir: