XUVENTUDE

Os nenos e nenas participantes nas actividades de verán do Centro Don Bosco visitaron o Pazo de Raxoi

30/07/2012 O alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás, e o concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, recibiron a visita no pazo de Raxoi dos máis de 50 rapaces que están a participar na XXXI edición do campamento urbano organizado polo Centro Xuvenil e a Escola de Tempo Libre Don Bosco.

O rexedor compostelán salientou as iniciativas "creativas e audaces" que Don Bosco propón para todos aqueles nenos e nenas da cidade de ata 14 anos de idade, co obxectivo de facilitar unha alternativa cultural e de ocio ás familias ao longo do verán, así como tamén perfilarse como unha axuda á conciliación e un modo de fomentar a integración de nenos en risco social. É un campamento totalmente aberto e gratuíto para os participantes, coa intención de facelo accesible a calquera neno.

O programa inclúe excursións a diferentes lugares próximos a Santiago, visitas a institucións, actividades de interculturalidade, deportes, praia, ludoteca, a edición dun xornal e obradoiros de todo tipo. Precisamente, nesta visita, o concelleiro de Xuventude, Adrián Varela, anuncioulle aos rapaces que en vindeiras datas se levará a cabo unha xornada de lecer no parque acuático Aquapark, no municipio coruñés de Cerceda.

Ademais, Ángel Currás fixo entrega ao centro duns volumes impresos onde se relata a historia de persoeiros célebres da historia de Santiago, como o mesmo Don Bosco ou o arcebispo Diego Xelmírez, entre outros moitos.

O campamento urbano acollerá entre 80 e 100 nenos de 8 a 14 anos. Favorecerase tamén o encontro cos participantes noutros campamentos urbanos de Galicia na xuntanza que este ano se celebra en Ourense e que promove a Federación de Centros Xuvenís Don Bosco. Na cidade das Burgas reuniranse máis de 700 rapaces e rapazas de toda Galicia.

Programa SanPedrines
O Centro Don Bosco leva tamén varios anos organizando o programa SanPedrines, no mesmo horario que o campamento urbano, pero dirixido a nenos e nenas de 4 a 7 anos. Para eles hai preparados talleres e outras actividades. O seu horario é de mañá, se ben cando o campamento urbano permanece no centro poden participar igualmente polas tardes. Está prevista a presenza duns 50 nenos, favorecendo tamén o acceso das familias con maiores necesidades.

Compartir: