CULTURA

"Verán na rúa": a actividade cultural chega ás rúas de Compostela en agosto

30/07/2012 A Concellaría de Cultura presenta no mes de agosto unha programación cultural participativa e de calidade para composteláns e visitantes, que inclúe propostas tan diferentes como o Festival Internacional de Percusión (FIP Santiago), Curtocircuíto na Rúa e unha variada oferta dedicada especialmente ao público familiar e infantil. Estas actividades encherán de música, cine, teatro ou circo algúns dos espazos máis emblemáticos da cidade, como as prazas da Quintana, Toural, San Martiño Pinario e Cervantes ou paseo central da Alameda.

O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou este Verán na rúa, que trae "un agosto especialmente festivo e lúdico, cunha programación adaptada para todos os públicos". Ademais, lembrou que, no musical, este programa compleméntase cos 35 concertos do Feito a man, organizado pola Asociación Cidade Vella. Acompañaron ao alcalde na rolda de prensa o xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, e o director do FIP, Juan Collazo.

Festival Internacional de Percusión
O Festival Internacional de Percusión (3 e 4 de agosto), nace a partir da VI edición do Curso Internacional de Percusión Merza 2011 realizado en Galicia e organizado polo Nuevo Contemporáneo de Zaragoza baixo a dirección de César Peris (director da cátedra de percusión no Conservatorio Superior de Música de Aragón) e polos galegos Odaiko Percussion Group. O FIP caracterízase pola versatilidade dos grupos e percusionistas participantes, nacionais e internacionais, que presentan espectáculos e producións propias anovadoras e arriscadas, cun único fin, sorprender ao espectador. Concertos, obradoiros, artistas noveis, outras músicas, encontros de percusión amateurs, etc, todo un cartel de actividades para que os espectadores participen activamente.

Deste xeito, poderase gozar das propostas musicais de LAR Legido & Nuevo Contemporaneo, formación centrada na exploración das posibilidades que ofrece a música experimental, a improvisación libre e electrónica actual; Rastrexos Project & Romain Kuonen, cinco virtuosos artistas finalistas no Runas de Ortigueira en colaboración co profesor da escola de música de Lausanne Romain Kuonen; Odaiko Percussion Group, unha viaxe polas tradicións percusivas globais nun espectáculo que conxuga unha boa dose teatral, humor e unha coidada posta en escena, que dá paso á improvisación fluída e á complicidade co público; unha performance de música africana ou un concerto de marimba en pedra. As actividades do FIP Santiago comezan cun taller de tamborrada aberto a todos os públicos no que os participantes deben aportar o seu instrumento de percusión e que desembocará nun pasarrúas pola cidade cos participantes.

Curtocircuíto
Curtocircuíto sae á rúa coas mellores curtametraxes de España e do mundo. Celebramos a diversidade, a audacia e o encanto do noso mundo, nun programa de curtametraxes de vangarda, revelador e dramático; filmes controvertidos, poéticos ou divertidos, pero sempre entretidos, que o público terá a oportunidade -os xoves 2, 9, 23 e 30- de valorar e expresar a súa opinión sobre as proxeccións votando polas súas curtas favoritas.

Os filmes chegarán de tan diversas latitudes como Noruega, Canadá, Francia, Corea do Sur, Reino Unido, Arxentina, Suíza, Irlanda, Taiwan, Madrid, Cataluña ou Galicia e con temáticas tan diferentes como o amor, a amizade, o medo, os soños... Poderanse ver títulos tan suxestivos como La media pena, ¿Por qué desaparecieron los dinosaurios?, Salón Royale, Soap opera, Anacos, Coda, Conversa cunha muller morta, The Pub, entre os que figuran as cintas premiadas na semana oficial do IX Festival Curtocircuíto celebrada do 2 ao 11 de maio.

Espectáculos para todos os públicos
Espectáculos de teatro, circo, pallasos, malabares, maxia e outras disciplinas nos que o público participará activamente tomarán as rúas de luns a venres ás 19:30 horas. Poderase ver a Roi Sixto cos seus malabares e maxia cómica; a Rudi Rudi, de Bélxica, cun espectáculo de clown; a Chimichurri (Madrid) con dous espectáculos diferentes de circo clown e equilibrios; aos arxentinos Grupo Electrógeno cunha comedia circense chea de acrobacias e malabares; a Peter Punk, un dos pallasos galegos máis salientable cun humor gamberro e retranqueiro; a Natalia Outeiro "Pajarito" co seu peculiar universo que fai de cada praza un novo xogo cada día; ao compostelán circo acrobático de Cair; ao Gran Rufus, de Valladolid, con teatro circo para maiores de 10 anos; ao Capitán Marabilla, de Madrid, co seu espectáculo Mono A Mono B; a Wilbur, quen coas súas acrobacias salta todo o que se poña por diante; e aos Sete Magníficos Máis Un co espectáculo Dous pallasos en apuros, no que presentan farsas da familia Colombaioni.

Compartir: