TURISMO

Turismo de Santiago participou en Noruega nun workshop sobre os camiños de peregrinación europeos

29/07/2012 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, participou nun workshop sobre os Camiños de peregrinación europeos que se celebrou en Trondheim, Noruega, cidade de referencia do Camiño de San Olav. A xornada de traballo organizouse dentro do programa europeo "Per Viam", no que participan 19 entidades de Italia, Reino Unido, Luxemburgo, Francia, Noruega e España.

Un dos obxectivos do proxecto "Per Viam" é sentar as bases para unha futura creación dun rede europea coas principais rutas de peregrinación europeas que contan coa certificación do Consello de Europa: Camiño de Santiago, Vía Francíxena, Camiño de San Michael, Ruta de San Olav e Camiño de Saint Martin de Tours.

A presenza de Turismo de Santiago neste workshop, ao que asistiron expertos sobre as rutas de peregrinación europeas e representantes de múltiples entidades vinculadas cos mesmos, compleméntase coa participación da empresa municipal no Proxecto "Certo", a través do cal se pretende promocionar conxuntamente en Europa o Camiño de Santiago, a Ruta de San Olav e a Vía Francíxena.

Compartir: