PLENO

Aprobado o proxecto do Regulamento do Consello Municipal de Migracións

27/04/2006 O Pleno do Concello de Santiago aprobou o proxecto do Regulamento do Consello Municipal de Migracións. O obxectivo desta norma é garantir o dereito á participación na vida municipal dos cidadáns e cidadás de Compostela, de tal xeito que se atenda ás características específicas do colectivo de persoas inmigrantes, emigrantes retornados e emigrantes.

O Consello Municipal de Migracións pretende ser un punto de encontro entre a Administración local e as persoas e asociacións sen ánimo de lucro que traballen neste ámbito. Entre outras funcións, fomentará o desenvolvemento do asociacionismo entre inmigrantes e emigrantes, promoverá a realización de estudos e investigacións e presentará propostas e iniciativas á Administración local. O Regulamento aprobouse inicialmente por unanimidade dos tres grupos municipais.

Outro dos acordos do pleno foi a aprobación inicial da modificación da ordenanza de tráfico e seguridade cidadá, no que afecta ás taxas pola ocupación da vía pública con mesas e cadeiras. Co cambio, as autorizacións poderán estenderse máis alá dun ano, período ó que están limitadas agora, e sen necesidade de solicitar expresamente a renovación para que esta se produza. Os tres grupos municipais pronunciáronse a favor da modificación da ordenanza.

Compartir: