CONSORCIO

O Consorcio de Santiago comeza o proceso de construción do Centro de formación de referencia en materia de rehabilitación

29/06/2012 O Centro nacional de formación de referencia en materia de rehabilitación da Fundación Laboral da Construción terá a súa sede en Santiago de Compostela, cidade exemplo de boas prácticas no ámbito da conservación do patrimonio. Neste sentido, o Consorcio de Santiago acaba de ultimar o proxecto para a primeira fase de actuación na antiga curtidoría de Pontedepriña de Arriba, nas beiras do río Sarela, para a súa adecuación como futura sede do centro. Está previsto que nos próximos meses se inicie a contratación das obras, para as que se destina un orzamento dun millón de euros.

O proxecto foi elaborado pola Oficina Técnica do Consorcio de Santiago e supón a primeira fase de actuación no complexo da vella curtidoría. En concreto, procederase á consolidación e protección dos muros xa existentes e á colocación dunha nova cuberta, conservando a súa configuración orixinal. Deste xeito evítase o progresivo deterioro que viña padecendo o vello complexo. Ademais rehabilitaranse dous edificios para destinalos a espazo de oficinas do centro e sala de máquinas e instalacións. Por último, executarase a acometida xeral de redes de gas, media tensión, alumeado, abastecemento de auga, redes, etc. En total, as obras afectarán a unha superficie construída de 1.500 metros cadrados.

A designación de Santiago como sede deste centro nacional de referencia materializábase en marzo de 2011 coa sinatura dun protocolo de colaboración entre o Consorcio de Santiago, a Fundación Laboral da Construción, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento. A experiencia do Consorcio e das súas políticas de axudas á rehabilitación de edificios e vivendas e as súas actuacións de conservación do patrimonio foi determinante á hora de elixir a ubicación. De feito, o futuro centro ten como punto de partida o Obradoiro de Lousados ubicado na horta de San Martiño Pinario e que cada ano forma a profesionais especialistas no mantemento e conservación dos pavimentos históricos de Santiago.

O centro nace con vocación de ofrecer unha formación "dual", o que implica non só a formación na escola, senón tamén, e de forma paralela, nas empresas, de modo que o alumno adquira dende o comezo o seu perfil profesional. Trátase dun sistema no que as empresas teñen un papel moi activo e que permite garantir a súa futura incorporación ao mercado laboral, reducindo os custos de selección de persoal.

Este complexo estará destinado á formación de traballadores da construcción en oficios vinculados á rehabilitación e ao mantemento de edificios e espazos públicos. Estará especialmente orientado aos oficios relacionados coa cantería, a carpintería e a follalatería (cubertas e elementos de cinc, reixería, forxa, etc).

Ademais, está concibido como un lugar de formación de formadores, de xeito que sexa cabeceira en España para outros centros de formación de características similares, e doutra, como un centro de formación cualificada de traballadores.

O futuro centro de formación nace ligado de forma especial ao Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, cuxa sede se levantará nas Brañas de Sar grazas tamén ao impulso do Consorcio. Así, o Instituto proporcionará unha posta ao día permanente no que se refire a investigación e desenvolvemento de novas tecnoloxías e sostenibilidade en relación co patrimonio cultural.

Ambos centros van contribuír a posicionar a cidade de Santiago como urbe de referencia a nivel europeo no que se refire á protección e conservación do patrimonio cultural.

A curtidoría de Pontepedriña de Arriba
O Centro estará ubicado na antiga curtidoría de Pontepedriña de Arriba, nas beiras do río Sarela, no compostelán barrio do Avío. Trátase dunha vella fábrica de curtidos, con orixe no século XVIII e dun alto valor patrimonial, e que a día de hoxe se atopa en situación de abandono. O inmoble e o terreo adxacente (que suman un total de 23.132 metros cadrados) xa foron adquiridos pola Fundación Laboral da Construción. Todo o conxunto, de grande valor arquitectónico e etnográfico, será rehabilitado e acondicionado para o seu novo uso. Cómpre lembrar que toda a ribeira do Sarela está salpicada de antigas curtidorías, memoria da vella industria do curtido a comezos no século XIX, cando Santiago era o maior produtor de coiro curtido.

Compartir: