CULTURA

A raíña do rockabilly Wanda Jackson pecha esta edición do Compostela Rock

29/06/2012 Wanda Jackson será a encargada de poñer o broche de ouro a esta primeira edición do Compostela Rock. A raíña do rockabilly estará acompañada por Pedrito Diablo & Los Cadáveras (Pontevedra, rock&western) de teloneiros. Poderemos escoitar a Jackson, que comezou a súa carreira xirando con Elvis Presley, Jerry Le Lewis e gravou con artistas como The Cramps ou Elvis Costello o 4 de xullo, ás 22:00 horas, na Sala Capitol. As entradas, 20 € anticipada e 25 € o propio día, poden mercarse na billeteira do Principal, en Ticketmaster, e na Reixa Tenda. O Compostela Rock volverá despois do verán con novas propostas.

Wanda Jackson é a máis popular das mozas que se atreveron a competir cos novos leóns do rockabilly. Aconsellada polo mismísimo Elvis, compuxo éxitos inmortais como "Fujiyama Mama" ou "Let´s have a party". Jack White (White Stripes) produce o seu novo álbum e colabora no renacemento artístico da xenuína raíña do rockabilly.

Dende que Hank Thompson a descubrira na radio local de Oklahoma, a súa carreira foi unha infinidade de éxitos que marcaron unha época. "Fujiyama Mama", "Let’s Have a Party", "Right or Wrong", movéndose entre o rock&roll e o country, sacou grandes clásicos como "Tears Will Be The Chaser For Your Wine", "Both Sides Of The Line", "A Girl Don't Have To Drink To Have Fun" e moitos máis. Comezou xirando á beira dos máis grandes do rock and roll: Elvis Presley, Jerry Le Lewis, e Buddy Holly, e estes últimos anos gravou á beira de artistas da talla de The Cramps, Le Rocker, Dave Alvin e Elvis Costello.

A comezos do ano 2011, Jackson grava no estudo de White en Nashville o álbum The Party Ain’t Over, un novo disco da man do cantante e guitarrista Jack White (White Stripes) e unha banda formada por Jack Lawrence (The Dead Weather/Raconteurs), Carl Broemel (My Morning Jacket), Patrick Keeler (Raconteurs), Ashley Monroe, Jackson Smith e Karen Elson. A súa rasposa voz, actitude e xovialidade volven brillar como un diamante sen impurezas. Doce, efusiva e cunha xovialidade a flor de pel, Wanda aos seus 74 anos defende que os seus concertos son os mesmos que fixo toda a súa vida, rock´n´roll dos cincuenta, algo de country e un pouco de góspel. Calquera ocasión de vela sobre un escenario é unha oportunidade histórica, historia da música.

Acompañarán a esta gran dama, os pontevedreses Pedrito Diablo &Los Cadáveras. A banda está presentado o seu primeiro traballo, El cuerno del chivo, surf rock e referencias cinematográficas que se completan no escenario cunha potente posta en escena que non deixarán indiferentes a ninguén.

Compartir: