ECONOMÍA

Máis de 300 persoas participaron en xuño nas accións de Santiago Investors Support

29/06/2012 Máis de 300 persoas participaron nas actividades de xuño dentro de Santiago Investors Support, programa municipal para a dinamización do tecido económico da cidade que naceu a finais de 2011.

Neste mes desenvolvéronse cinco actividades: tres seminarios, un curso e a xornada de fomento de contactos empresariais Getting Contacts!. As actividades que se levaron a cabo foron:

1. Curso de Comercialización, dividido en tres grupos, que se desenvolveu ao longo de todo o mes de xuño.

2. Primeira xornada de dinamización empresarial Getting Contacts!, que se celebrou no Hotel AC Palacio del Carmen o día 19 de xuño e na que participaron 150 empresas.

3. Xornadas de formación para persoas emprendedoras do sector hortofrutícola, en colaboración co Grupo de Desenvolvemento Rural Terras de Compostela, que tiveron lugar os xoves do mes de xuño.

4. O Seminario Creación de proxectos de empresas, dirixido a todos os emprendedores interesados en plasmar a súa idea nun proxecto empresarial, na segunda quincena de xuño.

5. O Seminario Uso e valor do deseño na empresa, en colaboración co Mercado de Abastos, o 28 de xuño.

As diferentes accións que se desenvolveron estaban dirixidas a emprendedores e empresarios, co obxectivo de darlles novas ferramentas para poder desenvolver con maior eficacia os seus proxectos empresariais ou os seus negocios xa existentes.

As entidades que participan no Santiago Investors Support e que colaboraron na definición do programa son: Asociación de Xoves Empresarios AJE Marineda; Asociación Área Empresarial do Tambre; Asociación de Hostalería de Santiago de Compostela; Cámara de Comercio de Santiago; Asociación de Autónomos de Galicia, UPTA; GDR Terras de Compostela; CCA Compostela Monumental; Fundación Santiago Centro; Asociación de Comerciantes de Santiago ACOTES; e Mercado de Abastos de Santiago.

Compartir: