TURISMO

Santiago asistiu á asemblea anual do Spain Convention Bureau

27/04/2006 O Spain Convention Bureau, órgano da Federación Española de Municipios y Provincias presidido polo concelleiro de Turismo compostelán, Francisco Candela, celebrou en Cuenca a súa asemblea anual de 2006.

Durante a xuntanza, a directiva do Spain Convetion Bureau presentou aos seus 38 membros o orzamento e o plan de actividades do 2006, orientado polo convenio de colaboración asinado entre este órgano promotor dos destinos españois de congresos e Turespaña.

Así mesmo, deu entrada a tres novas cidades membro, Mahón, Logroño e Ávila, que se suman a esta marca de promoción conxunta para o turismo de reunións e congresos. Con eles, o número de membros adheridos elévase a 41, incluíndo ao Santiago de Compostela Convention Bureau.

O plan de promoción do Spain Convention Bureau e Turespaña en 2006 prevé, entre outros puntos, a creación dunha gran base de datos sobre o sector do turismo profesional; a edición dunha revista, un tríptico promocional sobre incentivos e congresos e a Guía Profesional do SCB; e eventos como xornadas directas de promoción do turismo de reunións, campañas de marketing e seminarios.

Finalmente, o Spain Convention Bureau elixiu a Xixón como sede da súa asemblea de 2007.

Compartir: