ALCALDÍA

Os Fogos do Apóstolo apostarán tamén este ano pola realidade virtual

29/06/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, anunciou que, reunida a mesa de contratación dos Fogos do Apóstolo, acordouse que sexa a empresa General de Producciones y Diseño (GPD) a encarga dos espectáculos do 24 e do 31 de xullo.

Ángel Currás destacou a calidade das dúas ofertas presentadas. Neste sentido, indicou que a finalmente gañadora resultou elixida por unha escasa marxe de puntuación. Deste xeito, GPD repite por segundo ano como responsable do espectáculo, que en 2011 foi valorado moi positivamente polo público en virtude da súa calidade e orixinalidade. O rexedor municipal cre que este éxito é precisamente unha "garantía" cara a edición deste ano.

O espectáculo volverá a incorporar as últimas tecnoloxías de realidade virtual aplicada á proxección sobre monumentos. Esta é precisamente a razón pola que, un ano máis, a queima da fachada será virtual, xa que, segundo indicou o alcalde, a montaxe e queima dunha fachada ao xeito tradicional dificultaría as proxeccións sobre a Catedral.

Os Fogos do Apóstolo do 24 e do 31 de xullo terán un custo de 250.000 euros. O orzamento é menor que en 2011 debido a que este ano non se repetirá o espectáculo durante varios días, tal como sucedera, excepcionalmente, o pasado ano, con motivo do 800 aniversario da Catedral, e o 2010, Ano Xacobeo.

Compartir: