ALCALDÍA

Jesús Precedo Lafuente e Manuel Sánchez Salorio recibirán a Medalla de Ouro da cidade

29/06/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, anunciou a proposta da Alcaldía para o outorgamento das próximas Medallas de Ouro da cidade. Recibiranas o oftalmólogo Manuel Sánchez Salorio e, a título póstumo, o que fora coengo e deán emérito da Catedral, Jesús Precedo Lafuente.

Esta foi a proposta presentada na Xunta de Voceiros e que será levada ao Pleno do mes de xullo, co fin de entregalas no mes de setembro. Tanto de Manuel Sánchez Salorio como de Jesús Precedo, o alcalde destacou a exemplar traxectoria profesional e súa estreita e prolongada vinculación coa cidade de Santiago.

Jesús Precedo Lafuente xa conta cunha rúa en Compostela, cidade da que é fillo adoptivo. Agora recibirá un recoñecemento máis a título póstumo co outorgamento da Medalla de Ouro. Nado en 1925 na parroquia de Anceis (Cambre) e falecido en Santiago en febreiro de 2011, Precedo estivo máis de medio século vinculado á Catedral, da que foi cóengo e deán emérito.

Licenciado en Teoloxía e en Ciencias Bíblicas e Diplomado en Filosofía, foi profesor do Instituto Xelmírez e do Instituto Teolóxico Compostelán, e un firme defensor da introdución do idioma galego no ámbito eclesiástico. Ademais da súa traxectoria eclesiástica e académica, é autor de diversas publicacións sobre o Apóstolo ou a Catedral, entre outros temas, e de numerosos artigos. Foi un habitual colaborador en prensa, radio e televisión.

Manuel Sánchez Salorio (A Coruña, 1930), é licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago, catedrático de Oftalmoloxía e director executivo do Instituto Galego de Oftalmoloxía.

Referente no eido da Medicina, ten sido responsable da formación de numerosos catedráticos de Medicina e oftalmólogo, ademais de director de teses doutorais e autor de numerosos traballos en publicacións científicas. Tamén ten participado en diferentes proxectos de investigación e exercido cargos como o da dirección da Sociedade Española de Oftalmoloxía ou da revista Studium Ophtalmologicum.

Compartir: