ACCIÓN SOCIAL

As entidades de acción social de Compostela analizan o proxecto de "Lei de autonomía persoal e dependencia"

26/04/2006 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo e a concelleira de Benestar Social, Adelaida Negreira, acompañaron aos máis de cen participantes no inicio dun obradoiro de identificación de oportunidades, ameazas e estratexias que o proxecto de "Lei de autonomía persoal e dependencia" presenta ao terceiro sector. Este encontro reune na EGAP a entidades de acción social de Compostela.

A xornada contaba coa participación de Antonio Jimenez Lara, consultor social de diferentes institucións do ámbito dos servizos sociais e participante no equipo de redacción do Libro Branco da Dependencia, que serviu de base para a Lei; e da consultora Algalia, especializada en servizos de dinamización para o terceiro sector.

Esta iniciativa resposta ás demandas das organizacións integrantes do Consello Municipal de Servizos Sociais (CMSS), as cales comunicaron recentemente a necesidade de coñecer conxuntamente a nova Lei, así como identificar os retos e a forma de enfrontarse aos mesmos que esta nova normativa vai supoñer para as ONLS de acción social.

O proxecto de lei de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, aprobada recentemente polo goberno, supón un novo dereito universal e subxectivo de cidadanía que garante a atención e coidados ás persoas dependentes. A lei creará o Sistema Nacional de Dependencia, onde se priorizará a prestación de servizos (axuda a domicilio, centros de día e de noite, teleasistencia, axudas técnicas, prazas residenciais), ademáis das prestacións económicas.

O obxectivo desta acción formativa, unida ás outras iniciativas que se van desenvolver durante o 2006, contribuirá a que o proxecto "Casa de Asociacións de Servizos Sociais" se convirta nunha infraestrutura dinamizadora e referente na implementación de proxectos de intervención social e o desenvolvemento de actividades por parte do tecido asociativo da cidade.

Compartir: