PLENO

O Pleno municipal aproba inicialmente a ordenanza de ocupación da vía pública

31/05/2012 O Pleno da Corporación, na súa sesión ordinaria de maio, aprobou inicialmente a nova ordenanza de ocupación da vía pública, abrindo o período de alegacións á mesma. Xa de xeito definitivo e en materia de urbanismo, deuse o visto bo á norma que regulará a inspección técnica de edificacións e aceptouse a delegación da competencia para autorizar intervencións no perímetro azul.

Segundo explicou o concelleiro de Mobilidade, Albino Vázquez, a nova ordenanza de ocupación da vía pública, de 119 artigos, substitúe á vixente ata agora, que databa de 1998, incorporando novos elementos de ocupación que naquel momento non existían e que agora era preciso regular. Outros elementos existentes carecían de regulación e tamén se produce unha actualización deste sentido. Todas estas novas regulacións implicarán as respectivas taxas, cuxo importe depende dos metros cadrados ocupados.

A ordenanza incluíra oito títulos, que determinarán cuestións como a instalación de quioscos ou as intervencións na vía pública. Neste último caso, introdúcese a regulación ata agora inexistente de elementos como plataformas elevadoras, montacargas, estadas, casetas de obra, etc.

Ademais, a regulación da ocupación da vía pública pola instalación de servizos é máis exhaustiva que a contida no PXOM. A modo de exemplo, a ordenación das obras das canalizacións permitirá unha maior coordinación á hora de realizar as mesmas.

Tamén novidosas serán as licenzas para aparcamento exclusivo destinado á saída e entrada de vehículos. Esta é unha medida fundamentalmente destinada a establecementos comercias, de xeito que, mediante o pago dunha taxa, se poida reservar determinado espazo para carga e descarga, evitando que o vehículo permaneza circulando pola cidade ata que quede libre unha praza de carga e descarga.

Outras instalacións, como as máquinas expendedoras, tampouco estaban reguladas. Por regra xeral quedarán prohibidas no espazo público, salvo en momentos excepcionais. Tampouco estaban regulados os caixeiros, os puntos de descarga de vehículos eléctricos ou as mesas informativas, que tamén pagarán a súa correspondente taxa. As mudanzas, os subministracións de obras ou os eventos deportivos, culturais ou festivos cando supoñan unha ocupación da vía pública tamén están recollidos na ordenanza.

En canto ás sancións, a norma fixa infraccións leves, graves e moi graves, con multas, respectivamente, de ata 500 euros, entre 500 e 3.000, e entre 3.000 e 6.000 euros.

A norma saíu adiante inicialmente co voto favorable do grupo do PP, absténdose o PSdeG-PSOE e votando en contra o BNG. Abrirase agora o período de alegacións antes de que a ordenanza volva ao Pleno para a súa aprobación definitiva.

ITE
Xa en materia de Urbanismo e resoltas as alegacións presentadas, aprobouse definitivamente por unanimidade a ordenanza que regulará a inspección técnica das edificacións (ITE). Este instrumento, segundo se indica na exposición de motivos, "facilitará ao Concello o control sobre o estado das edificacións residenciais e obrigará á propiedade a mantelos nas adecuadas condicións de seguridade e salubridade. Tamén se pretende afianzar na cidade unha cultura da conservación e rehabilitación non só nos aspectos máis visibles dos edificios, como son as fachadas, senón naqueles que son ata máis importantes para os inmobles, como a estrutura, cubertas, instalacións etc., posibilitando a acción preventiva de mantemento e detectando a tempo as posibles deficiencias".

A ordenanza estrutúrase en dous títulos e dezasete artigos. O primeiro título regula a inspección técnica das edificacións e o segundo o rexistro de edificios suxeitos á ITE e o réxime sancionador. Así mesmo, inclúense dous disposicións transitorias e unha disposición final. Todos os edificios que superen os 40 anos de antigüidade deberán someterse a esta ITE.

Delegación no perímetro azul
Na mesma sesión tamén se produciu a aceptación por unanimidade da delegación da competencia da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para autorizar obras e intervencións no perímetro azul. Na actualidade, a concesión de licencias no ámbito de protección do chamado perímetro azul do Casco Histórico esixía unha autorización a cargo da devandita Dirección Xeral Isto implicaba un retraso no outorgamento do devandito permiso. Agora, o Concello non deberá solicitar este visto bo e unicamente deberá remitir cada seis meses un informe das licenzas concedidas

Seguindo cos asuntos urbanísticos, aprobouse inicialmente a modificación puntual do PXOM para a ampliación do cemiterio de San Xián de Carballal. Noutro ámbito, no do U-13 do PE-1 (apertura da rúa de Belvís) ratificouse definitivamente o seu estudo de detalle, que realiza unha ordenación de volumes a raíz da construción de tres vivendas unifamiliares.

Finalmente, acordouse a ampliación de usos docentes na reserva de equipamento docente DP-2/DI-2 do plan parcial do SUP-5. Choupana. O obxecto deste cambio e atender a solicitude autonómica dunha parcela neste ámbito para a construción da futura Escola Oficial de Idiomas.

Axuda no fogar
Resoltas as alegacións, aprobouse definitivamente e por unanimidade a modificación da ordenanza do reguladora do programa de axuda no fogar. Este cambio ten por obxecto eliminar do texto o réxime sancionador, cuxa competencia é autonómica.

Empregadas do fogar
O Pleno tamén aprobou por unanimidade unha proposición do BNG, emendada logo polo PP, acordando a organización dunhas xornadas formativas, en colaboración coa asociación Xiara, sobre a nova normativa laboral que se lles aplicará ás empregadas do fogar a partir do 30 de xuño. Ademais, ínstase ao Goberno do Estado a avaliar posibles modificacións na Lei de Prevención de Riscos Laborais para incluír na mesma a este colectivo de traballadoras.

Compartir: