MEDIO AMBIENTE

Iniciado o trámite de impacto ambiental da depuradora da Silvouta

30/05/2012 A concelleira de Medio Ambiente, María Castelao, anunciou que o Concello vén de recibir a memoria inicial coa que se inicia o trámite de impacto ambiental da futura estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta. Comeza así un procedemento complexo que levará á definitiva declaración de impacto ambiental e á licitación do proxecto en 2013.

O documento, trasladado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente ás outras administracións implicadas e a outros colectivos que puideran facer achegas, define o alcance do trámite ambiental e fai valoracións sobre as posibles ubicacións e tecnoloxías da depuradora. Tanto o Concello como os demais implicados teñen ata o 20 de xuño para realizar as súas contribucións.

Rematada esta primeira fase e coas achegas realizadas, AquaNorte (entidade estatal coa encomenda de xestión da depuradora) , introducirá as modificacións oportunas no anteproxecto de impacto ambiental. O texto definitivo será sometido a información pública durante un mes, tras a cal se emitirá a definitiva declaración de impacto ambiental. A continuación acometerase a redacción do proxecto da depuradora, cuxas obras deberán estar licitadas e comezadas en 2013, para así non perder os fondos europeos que ten asignados.

""Esta é a parte máis complicada e complexa, pero vemos que a Xunta e o Goberno central teñen todo o interese en que a depuradora se realice no menor tempo posible e cumprindo os prazos marcados por Europa", afirmou María Castelao, que se declarou "moi satisfeita" pola apertura deste trámite de impacto ambiental.

A edil tamén expresou o seu agrado polas valoracións contidas nesta memoria inicial, posto que se aprecia xa o menor impacto ambiental da ubicación pola que aposta o Concello, no lugar do Souto. Neste sentido, lembrou que esta alternativa é a máis idónea, polos seus menores inconvenientes para os veciños e polo seu menor impacto visual e paisaxístico. Igualmente, reiterou a aposta pola tecnoloxía de membranas ou biofiltros para a futura instalación.

Compartir: