DEPORTES

Xornadas de iniciación á escalada

30/05/2012 O Concello de Santiago quere dar a coñecer o deporte da escalada. Con este fin organiza unhas xornadas gratuítas enfocadas a todas aquelas persoas que queiran iniciarse neste deporte, con independencia da súa idade e condición física.

As xornadas celebraranse os domingos 3 e 10 de xuño, de 10:00 a 14:00 horas, no pavillón de Fontiñas (rúa Fontes do Sar s/n), onde está instalado o rocódromo. O obxectivo final do curso é que o participante leve unha grata impresión deste deporte e transmitirlle a idea de que a escalada deportiva é unha modalidade completamente segura cando se adoptan as correspondentes medidas de seguridade.

A inscrición realizarase nas oficinas do Departamento de Deportes (Estadio de San Lázaro, porta 1), en horario de 9:00 a 14:00 horas, onde se facilitarán os impresos correspondentes. Tamén se poderá realizar a inscrición o mesmo día da actividade no pavillón de Fontiñas no caso de quedar prazas dispoñibles. Os menores de idade deberán achegar unha autorización dos pais ou titores que tamén se lles facilitará no Departamento.

Máis información no enderezo de correo electrónico dptodeportes@santiagodecompostela.gal ou no teléfono 981 528 730.

Compartir: