EDUCACIÓN

Inaugurada unha nova edición da Campaña Municipal de Animación á Lectura

27/04/2012 O alcalde compostelán, Ángel Currás, acompañado pola directora da Galería Sargadelos en Santiago, Belén Bermúdez, e polo director de Kalandraka Editora, Xosé Ballesteros, inaugurou a XII Campaña Municipal de Animación á Lectura, organizada pola Concellería de Educación. Nesta sesión, celebrada na Galería Sargadelos, participaron escolares dos colexios Ramón Cabanillas, Vilas Alborada e San Jorge.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura, que leva por título Unha viaxe de ida e volta, conta cunha das súas referencias temáticas no traballo presentado por Martín León Barreto A viaxe de Olaf, que resultou gañador do IV Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados. Esta iniciativa, que xa vai pola súa XII Edición, desenvólvese ao longo dos meses de abril e maio.

A Campaña comprende actividades moi diversas dirixidas a distintos grupos de idade. Entre os seus obxectivos está achegar a lectura e a escritura aos nenos e nenas, estimulando á vez as producións plásticas, literarias e musicais como ben cultural e como acto de comunicación. Esta iniciativa tamén pretende desenvolver unha conciencia crítica e selectiva en relación coas lecturas e promover as tradicións e expresións orais en lingua galega como vehículo do noso patrimonio cultural inmaterial. O programa inclúe obradoiros (ilustración e escrita creativa), visitas a exposicións, sesións de contacontos e outras accións formativas.

Nesta xornada, os escolares puideron visitar a exposición creada con motivo da Campaña na Galería Sargadelos, asistir a unha sesión de contacontos e participar no Obradoiro de Ilustración impartido por Pablo Otero, ou no Obradoiro de Escrita Creativa arredor da poesía de Celso Emilio Ferreiro.

Compartir: