ALUMEADO PÚBLICO

Santiago de Compostela súmase á Hora do Planeta co apagado do alumeado monumental do Concello e da Catedral

30/03/2012 O Concello de Santiago sumarase este sábado, 31 de marzo, á Hora do Planeta. Por iso, dende as 21:00 ás 22:00 horas, permanecerá apagado o alumeado monumental do Concello e da Catedral. Tamén se desconectará o alumeado público na avenida de Lugo, dende o Hórreo ata San Caetano.

Se ben a Hora do Planeta, promovida por WWF, se establece a nivel mundial de 20:30 a 21:30 horas, en Santiago o apagado comezará media hora máis tarde, para que este sexa máis efectivo, debido ao máis tardío anoitecer. Así o explicou o concelleiro de Alumeado Público, Luis Bello, quen agarda que este acto simbólico sexa unha "chamada de atención" á cidadanía sobre a necesidade dun maior aforro enerxético.

O Concello está a adoptar nos últimos meses diversas medidas encamiñadas a lograr unha maior eficiencia do alumeado público, co conseguinte aforro enerxético e menor gasto nesta materia. Entre estas actuacións -lembrou o concelleiro- está o apagado parcial que se está a realizar de luminarias durante a noite en áreas da cidade onde non hai vivendas, como por exemplo os polígonos industriais. Mesmo se están a producir apagados totais nalgún vieiro secundario ou na iluminación de determinadas esculturas ou fontes.

Luis Bello explicou que estas medidas se complementan coa modernización das instalacións. Así, o Departamento esta substituíndo progresivamente as luminarias existentes por outras máis eficientes enerxeticamente. A este respecto, apuntou que as lámpadas de led permiten unha redución do consumo de ata un 70%.

A isto hai que sumar a adquisición de redutores de intensidade e de reloxos astrolóxicos, que permitirán, respectivamente, regular adecuadamente as intensidades das luminarias e controlar con exactitude os horarios de acendido e apagado das lámpadas.

Dende hai seis anos, centos de millóns de persoas de todo o mundo, empresas, gobernos e centros educativos unen as súas voces contra o cambio climático apoiando a campaña de sensibilización A Hora do Planeta. En 2011, más de 5.000 cidades de 135 países apagaron as luces dos seus principais monumentos e edificios emblemáticos.

Compartir: