EDUCACIÓN

As formacións da Escola Municipal de Música interpretaron obras de Händel no Auditorio de Galicia

31/03/2012 O Auditorio de Galicia acolleu a interpretación do musical O mundo de Händel, a cargo da Escola Municipal de Música.

Ao longo dos últimos meses, a Escola Municipal de Música de Santiago, procurou mostrar en diferentes ocasións o traballo desenvolvido polas diferentes agrupacións musicais nas que se visualiza esta institución musical: Banda, Orquestra de corda e Coros. Agora, a Concellería de Educación convidou as familias e o público en xeral a escoitar o musical O mundo de Händel.

O alcalde de Santiago, Xerardo Conde Roa quixo felicitar persoalmente os xóvenes músicos e, ademais de escoitar o programa, departiu ao remate con eles, para coñecer as sensacións que acompañan un evento destas características. Manifestoulles a familias e executantes o seu interese por asistir ao longo do ano naquelas ocasións nas que vaian incorporando novas pezas musicais do repertorio clásico. Sentiuse orgulloso da progresión dos alumnos e alumnas da Escola logo de gozar coas obras do musical, e dixo sentirse cómodo e próximo ao ambiente musical das cidades máis avanzadas de Europa, sobre todo das centroeuropeas, que el ultimamente ten ocasión de seguir con asiduidade. Para rematar, expresou o seu recoñecemento ao equipo de profesores e profesoras da Escola, nomeadamente ao director da formación musical, Mario Diz.

Este musical xirou arredor da obra dun dos músicos europeos máis importantes da historia da música: Georg Friedrich Händel (1685- 1759). Foi unha boa ocasión para escoitar pezas do seu repertorio que forman parte do acervo musical universal da historia da música.

Familias e amantes da música tiveron unha oportunidade de gozar coa interpretación dun programa no que investiron moito traballo e moito tempo os profesores da Escola e máis de 70 alumnos e alumnas da mesma.

Compartir: