PLENO

Aprobada definitivamente a modificación da ordenanza reguladora da ORA e do estacionamento de residentes

29/03/2012 A Corporación aprobou definitivamente a modificación da ordenanza do sistema de ordenación e regulación do servizo da ORA e do estacionamento de residentes, unha vez aceptadas dúas das alegacións presentadas. Na sesión ordinaria de marzo do Pleno tamén se deu o visto bo inicial á ordenanza reguladora da instalación de ascensores e á modificación da relativa á tramitación de actividades.

A ordenanza modificada foi ratificada cos votos favorables do grupo de Goberno e o negativo do PSdeG-PSOE (o BNG non asistiu ao Pleno). A norma ten como principal novidade que os residentes empadroados na cidade terán a posibilidade de estacionar nas zonas verdes coa súa tarxeta de residente por municipio, que implicará o pago dun canon aínda por fixar.

A Ordenanza segue a contemplar dous réximes especiais, o dos residentes por domicilio e o dos residentes por municipio. No caso dos segundos é onde se produce a novidade referida, xa que calquera cidadán empadroado poderá estacionar nas zonas verdes entre as 8:00 e as 20:00 horas. Isto será posible coa correspondente tarxeta de residente por municipio, a cal implicará o pago do devandito canon e por un período de tempo cuxo importe se fixará cando se aprobe a correspondente ordenanza fiscal. Cómpre lembrar que no caso das zonas azuis, os residentes por municipio poden beneficiarse dunha tarifa reducida do 50% e do dobre de tempo de aparcamento (240 minutos) en réxime ordinario.

En relación ao réxime especial, o dos residentes por domicilio habitual ou laboral, mantense a redución do 50% e o dobre de tempo de estacionamento para os que vivan en zona azul, así como o aparcamento gratis nas zonas verdes para os que residan en barrios onde esta modalidade está implantada.

Neste réxime especial tamén hai novidades, como a ampliación da cualificación de residente a empresarios ou profesionais que exercen a súa actividades en barrios con zona verde, aos que se lles permitirá estacionar en horario laboral nas mesmas. Tamén neste ámbito laboral, a ordenanza introduce un réxime específico para aqueles profesionais ou empresas que, non sendo residentes, exercen a súa actividade en Compostela en áreas con zona verde. Estes poderán estacionar de 9:00 a 20:00 horas pagando unha tarifa.

Seguindo co réxime de residentes por domicilio, agora poderanse obter ata tres tarxetas por vivenda, fronte as dúas permitidas ata agora. Outras novidades son que as tarxetas terán vixencia bianual e que, para solicitalas, non se esixirá o requisito de 180 días de empadroamento, para a concesión, que será automática previa comprobación do censo. O que non será compatible será a obtención das tarxeta de residente por domicilio e por municipio. Haberá que optar por unha delas.

Ademais, os actuais posuidores de tarxetas de residente deberán cambialas, xa que se substituirán por unhas novas con identificación electrónica que facilitarán o control. Este traballo de control nas zonas verdes realizarano agora traballadores da empresa concesionaria do servizo de grúa e ORA.

Nas zonas azuis mantense o réxime ordinario, dun máximo de 120 minutos de estacionamento, e o de longa duración, de ata 240 minutos. O que si se modifica é o de curta duración, que pasa dos 90 minutos actuais aos 60.

Tramitación de actividades
Por outra parte, cos votos favorables do PP e a abstención do PSdeG-PSOE, aprobouse inicialmente a modificación da ordenanza municipal de tramitación de actividades. Segundo explicou a concelleira de Urbanismo, María Pardo, as modificacións introducidas en varios artigos supoñen unha mellora fundamentalmente técnica.

Esta ordenanza supón unha axilización dos trámites burocráticos, substituíndo na maioría dos casos a solicitude da licenza pola declaración responsable e, no caso de obras menores, pola da comunicación previa. En ambos casos, os técnicos municipais realizarán posteriormente a correspondente inspección para comprobar a veracidade da declaración ou comunicación. O Rexistro de Urbanismo recentemente posto en marcha contribuirá a facilitar aínda máis estes trámites, apuntou a edil.

Unicamente se mantén a necesidade de solicitar licenza cando se trate de actividades que afecten ao medio ambiente, ao patrimonio histórico-artístico, á seguridade ou saúde públicas ou que impliquen o uso privativo e a ocupación dos bens de dominio público.

Instalación de ascensores
Seguindo cos temas urbanísticos, o Pleno deu o visto bo inicial, cos votos favorables de PP e PSdeG-PSOE, á nova ordenanza reguladora da instalación de ascensores. Esta norma substituirá á vixente para adaptala á Lei de Economía Sostible aprobada polo Goberno Central. Entre as novidades que achega destacan a regulación da ocupación de elementos comúns e tamén a posibilidade de ocupar partes privadas das propias vivendas cando sexa indispensable para a construción dos ascensores, contemplándose para estes supostos a expropiación. Respecto aos espazos libres ou de dominio público, a novidade provén da figura da ocupación, fronte á cesión regulada ata agora.

Ademais, a nova ordenanza solucionará deficiencias da anterior como a non inclusión da área do Plan Especial do Casco Histórico. Finalmente, ábrese a posibilidade de instalación de ascensores para todo tipo de inmobles, non só residenciais. En palabras da concelleira de Urbanismo, a nova norma "mellora a seguridade xurídica e as expectativas dos cidadáns de mellora da calidade de vida en relación a esta materia e permite humanizar a cidade".

Recadación executiva das sancións de tráfico
Outro dos asuntos aprobados polo Pleno foi a delegación na Deputación Provincial da Coruña da recadación executiva das sancións municipais por infraccións que se deduzan da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria. Segundo indicou a concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, a delegación supón que a Deputación asumirá "o procedemento de apremio en todas as súas fases". A taxa a pagar polo Concello por este servizo será o propio recargo que se cobra polo retraso no pago. O convenio fíxase por un prazo de dez anos, se ben pode rematarse o mesmo por acordo das partes.

Xenerais da Ulla
Finalmente, ratificouse por unanimidade o acordo, tamén subscrito por outros concellos da Comarca, para solicitar a declaración do Entroido dos Xenerais da Ulla como Festa de Interese Nacional.

Compartir: