ALCALDÍA

Santiago e Härryda (Suecia) intercambian experiencias sobre a prevención do consumo de alcohol en menores

29/03/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, e a concelleira de Benestar Social, Paula Prado, recibiron un grupo de profesionais da saúde pública do municipio de Härryda (Suecia), que participan nun programa de prevención do consumo de alcohol en menores no marco do programa europeo "Grundtvig".

A delegación sueca visitou os diferentes departamentos municipais nos que se traballa para previr o consumo de drogas e alcohol entre os mozos. A propósito dos programa municipais nesta materia, o alcalde indicoulles que, con eles, "tratamos de demostrar que hai outras alternativas ao alcohol e ás drogas, e os mozos aceptáronas e souberon entender que hai outras opcións de ocio". "A nosa idea é que os mozos se impliquen nos programas, difundan entre as súas amizades que hai outras cousas, que non é necesario acabar nas urxencias dun hospital para pasar un rato divertido entre amigos".

Conde Roa recordou que unha das súas primeiras preocupacións dende a súa elección como alcalde foi terminar co fenómeno do botellón. "Dígovos que ten solución", dixo, citando o labor dos pais, dos profesores e das Administracións. "Decidimos que a solución tiña que ser actuando en dous frontes: a sanción e a prevención", resumiu o rexedor municipal, expresando a súa satisfacción polo éxito das medidas adoptadas ata o momento.

Por un lado, explicou, "nós puxemos sancións aos mozos por beber na vía pública, pero tamén demos a oportunidade de cambiar estas sancións por traballos en favor da comunidade; e temos sancionado a locais de bebidas por vender e fomentar o uso de alcohol entre os mozos". Por outra parte, lembrou as accións preventivas postas en marcha, en forma de alternativas de lecer e de formación. Estas medidas preventivas e sancionadoras foron recentemente recoñecidas polo Valedor do Pobo no seu informe anual, concluíu o alcalde.

Compartir: