FOLGA XERAL

O seguimento da folga xeral no Concello de Santiago foi do 38,71%

29/03/2012 O seguimento da folga xeral entre os traballadores do Concello de Santiago foi do 38,71%, segundo os datos ofrecidos pola concelleira de Persoal, Amelia Gónzalez, quen tamén fixo balance dos incidentes producidos durante a xornada. "Agardo que os sindicatos se desmarquen e condenen eses comportamentos violentos producidos en diferentes puntos da cidade", indicou ao respecto.

A concelleira destacou que "salvo as ameazas dalgún piquete a traballadores de Incolsa, o resto de empregados municipais puideron acudir con normalidade ao seu posto de traballo". Respecto aos incidentes durante a xornada de folga, o máis importante produciuse co levantamento de barricadas na rúa da Virxe da Cerca, que provocaron o corte desta. Ademais, segundo denunciou Amelia González, "lanzáronse algúns artefactos caseiros".

A Policía Local procedeu á detención nas últimas horas de ata cinco persoas, catro delas polos mencionados actos violentos de Virxe Cerca. Ademais, detívose ás 7:00 horas a unha persoa tras ser sorprendida guindando cravos nas rúa das Hortas, San Clemente e Trindade. O Concello tamén ten constancia da detención pola Policía Nacional doutras dúas persoas. Igualmente, detectouse a rotura de cristaleiras en varios establecementos do Ensanche.

Dende o comezo da súa quenda, ás 22:00 horas, os Bombeiros tiveron que realizar 14 saídas, a maioría delas para apagar colectores ardendo.

Moción de condea aos incidentes
A respecto da folga xeral, o Pleno da Corporación, na súa sesión ordinaria do mes de marzo, aprobou por unanimidade unha moción da Alcaldía na que se manifesta a máis rotunda condea dos "graves incidentes" que se produciron na cidade, protagonizados por "grupos minoritarios", que "menoscabaron dereitos e liberades fundamentais, tales como a liberdade, a integridade, a propiedade, ou a seguridade. Así, e entre outros, rexistráronse obstrucións das vías públicas con barricadas, queima das mesmas, rotura de escaparates e selado das portas de diversos establecementos, agresións a membros das Forzas e Corpos de Seguridade, intento de queima dun autobús de transporte urbán, amedrentamento de comerciantes, hosteleiros, traballadores e cidadáns en xeral". Na moción tamén se indica que "o Concello de Santiago de Compostela defende o libre exercicio do dereito de folga e manifestación pacífica".

Compartir: