CULTURA

Cooper presenta o seu último traballo, "Mi Universo", dentro do Compostela Rock

29/02/2012 Compostela Rock, nova aposta da Concellaría de Cultura ofrece o xoves 1, ás 21:30 horas na Sala Capitol, unha nova cita, desta vez con Cooper, que presentan en Galicia o seu novo disco, Mi Universo. O grupo, proxecto musical formado por Alex Díez e os seus amigos a principios do ano 2000, logran con este disco actualizar un xénero, como é a música beat, facendo que soe á vez clásica e moderna, persoal e universal. Máis adiante, chegarán da man deste ciclo a Compostela Mark Lanegan+Creature with The Atom Brain, Toy Dolls e Leiva.

Cooper nace como un proxecto musical de Alex Díez Garín e os seus amigos. A primeira maqueta grávana Alex e Mario durante os primeiros meses do ano 2000. A finais dese ano editábase Fonorama, primeiro disco longo de Cooper, que os consolida como o mellor cuarteto de pop de guitarras e harmonías vocais do país. Tras varios cambios nos compoñentes do grupo, e algún parón no traballo por motivos persoais de Alex, en 2009 a banda edita Aeropuerto, un novo disco recompilatorio que inclúe, ademais, cancións como "Hyde Park", auténtico himno de madurez que se converte en imprescindible nos moitos concertos que Cooper ofrecen ese ano.

Pero 2011 supón para Alex Díez a volta ao mundo musical pola porta grande. Cooper enfráscase na produción de todo un álbum, gravado en Londres, nos míticos estudos Konk, baixo o título de Mi Universo. Trátase do regreso de Cooper ao gran formato cunha colección de cancións novas que mesturan, coa sensibilidade da que sempre fixo gala o músico leonés, os aires retro do seu mundo sixties coa sonoridade máis actual da escena pop. Cooper, neste álbum, consegue o que moi poucos lograron: actualizar un xénero como é a música beat, facendo que soe á vez clásica e moderna, persoal e universal.

Debaixo do brazo trouxo o disco unha nova sorpresa en forma de xira virtual pola rede. A Internet Tour foi un dos fitos musicais do ano: dez vídeos en dez portais web diferentes, unha xira na que miles de seguidores acompañaron a Cooper, descubrindo cada día unha nova canción, gozando da proximidade que propician as redes sociais e as novas tecnoloxías. A xira por internet de Cooper foi un éxito rotundo, tanto pola novidade da proposta como pola calidade da materia prima: as cancións. E agora Cooper, coa formación máis estable da súa carreira e o respaldo dun grande álbum, inicia unha nova xira nacional. Unha nova volta de torca, unha nova maneira de entender o pop de toda a vida, iso é o que sempre nos propón Cooper. E así, chegan a este Compostela Rock.

Venda de entradas
As entradas para este concerto, 10 € anticipada e 12 € na billeteira, poden mercarse en Discos Nonis (A Coruña), A Reixa Tenda, e www.salacapitol.com, así como nas billeteiras da Concellaría no Teatro Principal, de martes a sábado e de 18:00 a 21:00 horas.

Compartir: