ALCALDÍA

A ministra de Fomento visitará Santiago nunhas semanas para concretar o futuro das infraestruturas pendentes da cidade

28/02/2012 O alcalde compostelán, Xerardo Conde Roa, reuniuse en Madrid coa ministra de Fomento, Ana Pastor. No encontro abordáronse asuntos relativos ás infraestruturas pendentes da cidade e o alcalde puido explicarlle á ministra a súa iniciativa de levar o AVE Atlántico ata o aeroporto de Lavacolla.

Á saída da reunión, Conde Roa expresou a súa satisfacción pola mesma e pola receptividade da ministra cara as propostas municipais. Así, Ana Pastor comprometeuse a visitar oficialmente Santiago de Compostela en dúas ou tres semanas a fin de concretar diversos aspectos relacionados coas infraestruturas a acometer na cidade. O alcalde valorou o coñecemento que a ministra tiña da realidade de Santiago e o seu "notable interese" por afrontar algunhas das obras demandadas malia o actual momento economico.

Sobre o AVE, o alcalde manifestoulle á ministra que neste intre considera máis prioritario que este sistema de transporte chegue ao aeroporto central de Galicia que a construción doutra grande estación. Neste sentido, explicoulle que esta conexión ferroviaria non levaría aparellada unha grande infraestrutura no propio aeródromo.

Sen perder de vista a actual conxuntura económica, o rexedor municipal amosouse convencido de que esta será unha infraestrutura que se execute. Nesta dirección, apuntou a necesidade de traballar para abaratar o custe que puidera supor este enlace. Sobre a estación de tren no emprazamento actual -dixo- estudaranse a súas posibilidades, pero "sempre facendo antes o planeamento urbanístico".

Outro tema da xuntanza foi o da ampliación do acceso ao polígono do Tambre dende a N-550. Nesta mesma estrada está por resolver o enlace de acceso ao polígono industrial da Sionlla, que permitiría enlazar coa autopista do Atlántico e coa autovía Santiago-Lugo.

Tamén en materia viaria, o alcalde falou coa ministra sobre outra obra pendente, o paso inferior de Conxo, fundamental para aliviar as conxestións de tráfico que se producen nesta parte da cidade. Igualmente, abordaron o estado actual do proxecto de ampliación da AP-9 e do acceso dende a mesma á Cidade da Cultura. O remate da autovía entre Santiago e Lugo e as obras na Praza de Abastos tamén estiveron na axenda da reunión.

Compartir: