CENTROS SOCIOCULTURAIS

150 anos do Banquete de Conxo

28/03/2006 A Rede de Centros Socioculturais do Concello de Santiago réndeulle homenaxe una ano máis o lendario Banquete de Conxo cun pequeno programa de actos nos que os protagonistas foron escolares de Compostela.

150 anos despois de que Aguirre e Pondal fixeran aqueles famosos brindes pola liberdade que case lles custan o exilio, Compostela lembrou o espírito dun banquete que foi escollido polo galeguismo como unha das súas datas senlleiras.

O programa comezou cunha ofrenda floral no cemiterio de Boisaca, ante a tumba do poeta Aurelio Aguirre, que foi o promotor daquela histórica xuntanza. Nela estiveron presentes, ademais do alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, varios membros da corporación municipal.

Tras escoitar o Himno do Antigo Reino de Galicia e depositar na tumba do poeta compostelán as cento cincuenta rosas que conmemoraban o aniversario do Banquete de Conxo, un grupo de rapaces de Compostela quixo dedicarlle ó poeta un pequeno recital dos seus propios versos. Catro alumnos de 3º de primaria do colexio Quiroga Palacios recitaron candansúa estrofa do poema de Aurelio Aguirre "El suspiro y el alma"; mentres que os alumnos de 4º de ESO do instituto Eduardo Pondal, escolleron para a súa lectura os poemas "A la juventud gallega" e "A los mártires de Carral", este último escrito na lembranza deste feito histórico que aconteceu en abril de 1846 e que deixou unha profunda pegada na xeración de Aguirre e Murguía. Aquel levantamento deu lugar á batalla de Cacheiras, coa derrota dos sublevados, e tivo continuación polas rúas de Compostela preto de onde vivían Aguirre e Murguía.

Aguirre era unha persoa con predicamento entre os obreiros e estudantes de Santiago de Compostela, e divulgador das ideas socialistas entre a clase obreira.

O xantar tiña como finalidade un encontro fraternal entre estudantes e obreiros. O acto foi censurado polas autoridades, a Igrexa excomungou os seus organizadores e a carballeira foi tomada polo exército durante o xantar por medo a que nacese unha insurrección coma a de había dez anos.

Naquela ocasión, os estudantes composteláns foron os encargados de servirlles o xantar aos traballadores, nun xesto de confraternidade. Foi, sen dúbida, unha homenaxe do mundo da cultura ao mundo do traballo. Un dos actos simbólicos máis salientable foron os brindes poéticos pronunciados no mesmo por Eduardo Pondal e Aurelio Aguirre, cando aínda eran estudantes de Medicina e Dereito. A igrexa calificou de de Aguirre de anticlerical e os dous poetas estiveron a piques de se condenar ó exilio por aquelas verbas a prol da liberdade.

Compartir: