TURISMO

Compostela presenta en Helsinki un libro sobre o Camiño de Santiago

28/02/2012 Turismo de Santiago, a editorial Helsinkibooks e a Oficina Española de Turismo en Helsinki presentarán na capital finesa o libro Tatina taipaleella (Unha maneira diferente de facer o Camiño), nado da experiencia de dúas xornalistas, Pirkko Vekkeli e Liisa Jappinen, que tras visitar Compostela dedicaron anos a percorrer a ruta de peregrinación por etapas.

O libro será presentado polo coñecido xornalista Jan Erola, o día 29 de febreiro, nas instalacións da OET en Helsinki, ante turoperadores, prensa especializada e personalidades da cultura finlandesa. Como parte do acto, a empresa municipal de turismo compostelá fará unha presentación sobre a cidade e repartirá material promocional –dossier de prensa, guía profesional, vídeo promocional e fotografías- sobre a capital galega e o Camiño de Santiago.

O acto de presentación do libro conta tamén co apoio da Cámara de Comercio de Santiago, que terá un espazo para realizar unha presentación sobre os Camiños Xacobeos. Dende Santiago desprazarase o presidente da Cámara compostelá, Jesús Asorey, para manter contactos profesionais cos medios de comunicación e turoperadores.

Un Camiño fácil para maiores
O proxecto do libro naceu tras unha viaxe de prensa organizada hai cinco anos por Turismo de Santiago en colaboración con Finnair, aproveitando un voo directo de Helsinki á capital galega. A este presstrip asistiron sete xornalistas, dos cales dúas atoparon un especial atractivo no Camiño de Santiago e a súa meta. Foi así como, ao longo deste tempo, Pirkko Vekkeli e Liisa Jappinen percorreron a ruta por etapas dende Francia e escribiron numerosos artigos para dúas revistas femininas de alta tirada, Eeva e Kotiliesi.

Resultado final da súa peregrinación é esta guía sobre o Camiño de Santiago dirixida a persoas maiores, cun sentido moi práctico, como a proposta de etapas doadas de alcanzar e a inclusión de información para persoas sen coñecemento de idiomas.

Compartir: