DEPORTES

O Concello baralla ubicacións para unha pista de xeo máis grande en 2012

31/01/2012 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, fixo balance da instalación da pista de xeo na praza da Quintana. Cualificou de "notable, rozando o sobresaínte" o resultado dunha actividade que congregou preto de 41.000 visitantes.

Adrián Varela indicou que esta cifra dobra a da última pista de xeo instalada hai dous anos en Amio. Atribuíu parte deste éxito á súa situación na praza da Quintana, que resultou máis cómoda para moitos composteláns. Foron 15.000 os patinadores que de deslizaron pola pista e 2.000 os escolares que acudiron ao xeo nas horas reservadas en exclusiva para eles.

Á vista do éxito de público e da satisfacción de hostaleiros e comerciantes pola repercusión da pista de xeo, o Concello traballa xa na instalación da pista deste 2012. O concelleiro apostou por unha pista máis grande, que obrigará a un cambio de ubicación. Barállanse lugares como a Alameda ou algún lugar do Ensanche. Neste sentido, resaltou a posibilidade de que, grazas ao sistema modular, a pista se adapte ao espazo onde finalmente se coloque.

Unha das opcións que se contemplan dende o Goberno local é a de rotar a pista, de tal xeito que un ano estea no Casco Histórico e outro no Ensanche. Tamén se quere "comarcalizar" a pista, indicou Adrián Varela, buscando colaboracións en materia de transporte e promoción que permitan achegar ata a pista patinadores e visitantes doutros concellos próximos. Entre os plans municipais está sacar a concurso canto antes a instalación da pista de 2012.

Nova web
O concelleiro de Deportes aproveitou a rolda de prensa para anunciar a próxima presentación dunha web propia para o Departamento, co fin de mellorar a comunicación dos diferentes eventos deportivos que acolle a cidade e potenciar unha maior participación da cidadanía nos mesmos.

Compartir: